DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas sobre sostenibilidade enerxética

A Universidade amosa o seu compromiso coa eficiencia enerxética

Ao abeiro da Sustainable Energy Week da Unión Europea

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 15/04/2011

O concepto de desenvolvemento sostible vén a confirmar a crecente concienciación de organismos, institucións e cidadanía en xeral por xerar un modelo de crecemento económico e industrial respectuoso coa contorna e co benestar das persoas. Un da súas bases é a eficiencia enerxética, o uso e planificación racional das instalación enerxéticas tanto no eido público como no privado. Esta é unha firme aposta da Universidade de Vigo que puxo en marcha hai 5 anos o Plan Suma, un programa que reúne todas as accións e iniciativas que se desenvolven na institución no eido do progreso sostible.

Nesta folla de ruta, a eficiencia enerxética é unha das prioridades fronte ao consumo irresponsable e, para divulgar este compromiso, a Escola de Enxeñería Industrial acolle este venres unhas xornadas sobre Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética. Organizadas pola Oficina de Medio Ambiente, o Plan Suma e o Máster en Enerxía e Sustentabilidade, ao longo do día diferentes expertos e profesionais do sector achegaron as posibilidades que o consumidor ten para ser eficiente na edificación, nos sistemas eléctricos, na climatización, na arquitectura bioclimática e mesmo as oportunidade de futuro que presenta o coche eléctrico.

O vicerreitor de Economía e Planificación, José Manuel García Vázquez, explicou no acto inaugural que o compromiso da Universidade no campo do desenvolvemento sostible explicítase no Plan Suma, “no que seguiremos traballando” para acadar uns campus eficientes enerxeticamente. Pola súa banda, o sub-director da EEI, Luis González Piñeiro, destacou que “en todos os procesos da enxeñaría o concepto de eficiencia debe estar presente, o noso fin é deixar todo igual que estaba ou mellor e, para iso, a sustentabilidade é imprescindible”. Para Elena Albo, coordinadora do mestrado, o crecemento sostible nace, en definitiva, dun equilibrio entre o crecemento, a redución do consumo e a diminución do impacto ambiental.

As lámpadas LED, o futuro

A eficiencia dos sistemas eléctricos, en especial da iluminación, centrou o relatorio inaugural das xornadas a cargo do profesor do Departamento de Enxeñaría Eléctrica, Camilo José Carrillo, que incidiu na problemática da edificación residencial e comercial. Segundo explicou, a eficiencia eléctrica “é un problema principalmente de sentido común” e a iluminación e o frigorífico, así como a climatización, supoñen a maior parte do consumo eléctrico dun fogar. Nas oficinas é a climatización a que representa máis do 52% do consumo.

Así, boa parte do aforro depende do tipo de lámpadas que se empreguen na iluminación. Segundo Carrillo, son as incandescentes e os alóxenos as menos eficientes e, fronte a elas, o LED revélase como unha opción de futuro. En principio son moitas as vantaxes, como a súa alta eficiencia, unha vida útil de máis de 50.000 horas ou o feito de que non se funden, senón que perden progresivamente leds. Ademais ten un baixo impacto ambiental, non emite ultravioletas e ten un arranque instantáneo e unha alta capacidade de regulacións. Fronte a todo isto está o inconveniente do prezo, pero a inversión amortízase a medio prazo.

Medidas de aforro

O profesor Carrillo ofreceu tamén aos asistentes unha serie de recomendacións para o aforro doméstico de enerxía e explicou que a substitución dunha lámpada tradicional por outra eficiente supón o aforro de 12 euros ao ano. “Existe tamén un factor social importante, un factor relacionado coa falta de aceptación das lámpadas de baixo consumo e con hábitos de consumo pouco sostibles que non apostan polo aproveitamento da luz natural”. Referiuse tamén ao consumo pantasma ou vampiro, aquel que producen os equipos e electrodomésticos en standby, que representan o 10% do consumo no fogar. Deles, minicadena, televisión, impresora e módem ADSL son os que máis consumen, 56 euros ao ano, mentres que manter o ordenador acendido “por exemplo descargando contidos de internet” coa pantalla apagada supón 100 euros/ano.

A climatización, como un dos grosos do consumo no fogar e na oficina, centrou outro dos relatorios da man de Juan Ignacio Rodríguez, de Energylab, que explicou que este campo supón o 47% da demanda enerxética dun edificio. Para deducir esta cifra é preciso traballar no deseño do edificio, nos materiais empregados e en equipamentos e instalacións eficientes.

Esta xornada enmárcase dentro da celebración da Sustainable Energy Week da Unión Europea e complementouse con visitas ás principais instalacións de enerxías renovables do campus e cunha exposición sobre a eficiencia enerxética na propia EEI.