DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participa nun dos maiores escaparates da educación europea na procura de socios en Asia e América

A Universidade amplía a súa rede internacional con novos destinos para os programas de mobilidade

Acordouse que Vigo organice a primeira xuntanza ibérica da rede ISEP de intercambio con EEUU

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 14/09/2012

En Dublín danse cita esta semana boa parte das universidades de Europa nunha das feiras máis importantes de educación superior do continente, a 24ª Conferencia Anual da EAIE (European Association for International Education). A Universidade de Vigo participa neste evento na procura de ampliar os seus horizontes internacionais con novos socios e novas redes de mobilidade que permitan que a institución siga crecendo. De feito, a delegación viguesa, composta polo vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, a responsable da Oficina de Relacións Internacionais, Amelia Rodríguez, e a directora do Centro de Linguas, Mª Dolores González, xa pecharon varios acordos no que é o epicentro da educación superior europea.

Por unha banda, a Universidade de Vigo “aceptou o encargo de organizar a primeira xuntanza ibérica da rede ISEP de intercambio con Estados Unidos”, como explica o vicerreitor. Nesta xuntanza compartirán prácticas e experiencias as universidades españolas e portuguesas. Outro dos resultados positivos acadados nesta 24 edición da conferencia asinouse con ETS, a organización responsable do exame TOEFL, que converterá á Universidade de Vigo en centro examinador e preparador para este certificado, requirido pola meirande parte das universidades estadounidenses para cursar estudos nelas.

Expandir as redes de mobilidade

A delegación viguesa avanzou tamén na expansión das redes de mobilidade buscando novos países para os intercambios e tamén novos programas de bolsas, especialmente en Asia e América. Con este obxectivo, os representantes universitarios levaron a cabo unha intensa axenda de entrevistas e xuntanzas tanto para renovar como para ampliar os acordos e convenios do programa Erasmus para o intercambio de estudantes, docentes e persoal de administración e servizos. “O que tentamos”, indica o vicerreitor, é poder “garantir un destino axeitado a calquera estudante que desexe facer estudos nun país europeo dentro deste programa”. Para iso celebraron xuntanzas con responsables de universidades de Noruega, Sudáfrica, Alemaña, Irlanda, Polonia, Suecia, Brasil, Francia, Dinamarca, México, Arxentina, Bélxica e Estados Unidos, así como con entidades responsables dos títulos e certificados de idiomas estranxeiros.

Por outra banda, chegaron a un “acordo cos responsables do proxecto europeo Bologna para que a Universidade de Vigo participe no desenvolvemento dunha plataforma para a xeración de guías docentes, expedientes e outras certificacións académicas en outras linguas ademais do galego e o castelán”, apunta Manuel Fernández Iglesias.

Unhas das feiras máis importantes do mundo

A Universidade de Vigo participa nesta conferencia xunto con outras 12 universidades españolas baixo a coordinación de Universidad.es, a fundación para a proxección internacional das universidades españolas. Nesta conferencia danse cita profesionais da educación superior de todo o mundo para intercambiar ideas, aprender das mellores prácticas e políticas e debater os temas de máis actualidade para as universidades. En total participan arredor de 5000 expertos en relacións internacionais de máis de 50 países. O vicerreitor de Relacións Internacionais destaca que o posto da Universidade de Vigo, que comparte coa de Santiago e a da Coruña, é “un dos máis visitados do pavillón” e amósase moi satisfeito pola acollida e interese espertado nestes días.

Ademais de expositores, xuntanzas, relatorio e mesas redondas esta feira é un punto de encontro no que coñecer as novas tendencias na educación superior en todo o mundo, intercambiar coñecemento, procurar alianzas, innovar e avanzar nas políticas educativas. Para isto conta coa participación de responsables públicos, reitores, vicerreitores e directores de oficinas de relacións internacionais, persoas que traballan nos servizos de estudantes e na captación dos mesmos, educadores e investigadores e provedores de servizos.