DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alberto Gago e Jesús Hernández visitaron as instalacións xunto con Teresa Casal

A Universidade analizará a adaptación do edificio da ONCE para unha residencia e outros servizos complementarios

Estas instalacións súmanse ás posibles solucións ás carencias de espazo do campus de Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 16/12/2009
Pontevedra
O reitor, Alberto Gago, e o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, visitaron hoxe a residencia da ONCE, acompañados por un equipo técnico e pola concelleira de Urbanismo, Teresa Casal, para analizar o estado das instalacións que o goberno municipal lle cederá á Universidade unha vez pechada a permuta pendente coa ONCE. Guiados polo director do Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra, Ángel Abraldes, fixeron un percorrido polos distintos andares do edificio, así como polo ximnasio situado nun pavillón anexo. Tanto Gago como Hernández levaron unha boa impresión do edificio, que atoparon “cun nivel de conservación aceptable”, aínda que ambos sinalaron que hai que traballar nel para adecualo ás necesidades do campus. Trala visita declararon que, en función do uso para o que foi concibido, pode axeitarse para unha residencia universitaria e outros servizos complementarios moi demandados no campus, como unha sala de lectura permanente aberta as 24 horas ou unha sala de traballo, pero en ningún caso para albergar unha nova titulación.

Un espazo residencial para acoller máis de cen persoas

A residencia consta de seis andares repartidos en sótano, semisótano, baixo, primeiro, segundo e terceiro, ademais do ático. A maior parte do edificio está distribuído en espazo residencial, cun total de 50 habitacións, que teñen unha capacidade de acollida neste momento de 116 persoas. Como servizos complementarios alberga un garaxe, unha sala de enfermaría, un consultorio médico, aseos, dúas salas de ocio, unha sala de xuntas, unha sala de usos múltiples e un ximnasio. Logo de ver o seu estado Alberto Gago asegurou que é “unha achega útil para algunhas das necesidades que ten neste momento o campus”. Sinalou que hai tempo que se está buscando unha instalación en Pontevedra para albergar unha residencia e que este espazo pode ser o axeitado.

Servizos de uso común para o estudo e o traballo en grupo

Así mesmo, Gago destacou como outro posible destino de uso do edificio da ONCE unha sala de lectura permanente aberta as 24 horas, “algo inexistente no campus e que constitúe unha necesidade fundamental dende hai tempo”. Outros servizos comúns e complementarios que poderían situarse nestas dependencias serían salas de informática ou lugares de traballo conxunto para grupos de estudantes. “Creo que todo ese tipo de servizos si poden ser situados aquí, coas adaptacións pertinentes”, indicou.
Do mesmo xeito, quixo aclarar que non se pensa nestas instalacións como o lugar para albergar novas titulacións. “Non imaxino aquí laboratorios e non podemos pretender cubrir todas as necesidades dun golpe”, declarou ao respecto, ao que engadiu que ter a posibilidade de atender esas outras necesidades “xa non é pouco, iso si, sen despistarse, posto que se trata de lugares comúns e de necesidades básicas”.

Unha solución parcial aos problemas de espazo do campus

Todos os asistentes coincidiron en que este edificio supón tan só unha solución parcial para atallar as deficiencias máis inmediatas de espazo do campus, que se sumará a outras medidas futuras. Neste sentido, o reitor indicou que “o futuro do campus de Pontevedra ten que estar labrado ao redor dun río e dúas marxes, con circulación de estudantes e actividade nos dous sitios”. Con base nisto, o reitor valorou positivamente a localización do edificio da ONCE, que considera que “moi céntrica pola súa proximidade ás instalacións da Xunta e a unha nova área residencial”.
De cara á busca de edificios para novas titulacións e novos graos, salientou que precisan apoio de todas as institucións, polo que afirmou que seguirán traballando nesa liña co Concello, pero tamén coa Xunta e as demais entidades presentes na cidade.

Problemas puntuais de humidade e accesos

Alberto Gago e Jesús Hernández realizaron a visita ao edificio da ONCE acompañados por un equipo de técnicos da Universidade, que será o encargado de valorar a idoneidade das instalacións sobre os planos. Entre eles estaban Antonia Blanco, directora da Área de Planificación e Coordinación do campus de Pontevedra, Ángeles Hermida, vicexerenta do campus de Pontevedra, María José Fariña Busto, arquitecta da Universidade, e Alejandro Martínez, da Unidade Técnica do campus de Pontevedra. Nunha primeira valoración, sinalaron a necesidade de realizar unha revisión da estrutura xeral do edificio para detectar a orixe do problema de humidade que presenta nalgúns puntos. Así mesmo, estudarán as reformas parciais precisas para adaptar todas as dependencias ás normativas de accesabilidade e habitabilidade vixentes.