DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participando na rede LAESO que agrupa a universidades de Europa e Latinoamérica

A Universidade aposta pola colaboración internacional na formación en Oceanografía e Ciencias Mariñas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 12/06/2009
Dez universidades europeas e latinoamericanas, entre as que se atopan Southampton, Plymouth, Göteborg, Kiel, Costa Rica, Concepción de Chile, Nacional Agraria de Perú, e Vigo veñen de impulsar a creación dunha rede para a educación de posgrao en Oceanografía.
As institucións académicas que conforman LAESO (LatinAmerican and Europe School of Oceanography) cooperarán, en cuestións como mobilidade de profesores e estudantes, certificación de títulos e a investigación ou desenvolvemento e implantación do currículo. “Este inicio de interacción entre as universidades latinoamericanas e europeas transformarase en accións concretas”, sinalou Tarsicio Antezana, representante da Universidade de Concepción na rede no transcurso do acto de sinatura da participación da Universidade de Vigo presidido polo vicerreitor de Planificación, José Cidrás, en representación do reitor. Cidrás pola súa banda destacou a “singularidade da Facultade de Ciencias do Mar” dentro non só do sistema universitario de Galicia, senón a nivel nacional, o que fai que “esteamos obrigados a participar en iniciativas destas características”.
Arezana que puxo o acento no interese das universidades participantes na rede en relación coa formación de posgrao, afirmou que “é un prototipo que podería ter unha gran trascendencia na formación en Ciencias do Mar”. Pola súa banda o vicerreitor de Planificación incidiu na importancia que a Universidade de Vigo outorga aos estudos de posgrao “directamente relacionados coa I+D”, lembrou Cidrás.

O papel da Universidade de Vigo na rede

Como encargado de establecer os contactos iniciais coa rede, o director do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo, Guillermo Francés, sinalou que foi “a gran proxección da súa Facultade de Ciencias do Mar e o impacto da súa investigación e programas que se desenvolven” o que levou a rede a contactar coa institución académica.
Tanto Francés como Arezana destacaron o papel de releve que pode desenvolver a Universidade de Vigo na rede “como ponte entre as universidades europeas e iberoamericanas e incluso de liderazgo”.
A convalidación de titulacións e a harmonización de cualificación, son segundo Francés “algunhas das principais vantaxes que para o estudantado ten a participación das universidades na rede”, un beneficio ao que nun futuro próximo engadiranse outros como a posta a disposición dos integrantes da rede de tecnoloxías de traballo ás que non todas as universidades poden acceder.