DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha nova convocatorio de axudas para os traballos realizados durante o 2012

A Universidade aposta pola investigación en lingua galega

O prazo de solicitudes está aberto ata o 30 de outubro

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 19/04/2012
Como vén sendo habitual, a Universidade de Vigo abre un curso máis a convocatoria de axudas á investigación en lingua galega para todos os traballos realizados durante o ano 2012. Estas bolsas ofértanse ao abeiro co convenio de colaboración asinado entre a institución académica e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para promocionar a lingua propia.

Poden solicitar esta axudas todos aqueles alumnos que durante o ano en curso realicen a redacción e defensa de teses de doutoramento, teses de licenciatura, traballo de investigación tutelado de 3º ciclo, traballo ou proxecto de fin de carreira e traballo de fin de mestrado. Tamén entran nesta convocatoria as solicitudes que foron presentadas no último trimestre de 2011 e que non foran incluídas na resolución de febreiro de 2011 e quedan fóra destas axudas as solicitudes de alumnos e alumnas de Filoloxía Galega e de Tradución e Interpretación con galego como lingua A.

Contía das axudas e condicións

A contía das axudas distribuirase cun máximo de 600 euros para as teses de doutoramento, 150 euros para as teses de licenciatura e os traballos de investigación tutelados de 3º ciclo e os traballos de fin de mestrado e 100 euros para os traballos ou proxectos de fin de carreira. Os traballos deberán ser redactados en lingua galega de acordo coa normativa ortográfica e morfolóxica contida nas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (18ª edición revisada, decembro de 2003), que recolle os cambios aprobados pola Real Academia Galega. Cabe subliñar que non se considerarán as solicitudes de tese de doutoramento que non fosen revisadas lingüisticamente pola Área de Normalización Lingüística antes da súa defensa como modo de garantir a calidade e corrección lingüística do documento.

Alén destas axudas, a ANL ofrece a todas as persoas interesadas apoio lingüístico e terminolóxico para elaborar os traballos en lingua galega, un servizo de asesoramento que se concreta en actividades como o servizo de consulta lingüística e terminolóxica, corrección lingüística ou tradución ao galego de traballos que comezasen a redactarse noutra lingua -ata un máximo de 20 folios-.