DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura dun convenio de colaboración co Instituto Municipal de Deportes

A Universidade aposta por Pontevedra como capital do deporte

O grupo de investigación SETrg presentou o informe do impacto económico do Campionato de Natación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 19/04/2011

“Aínda que xa era unha realidade a colaboración en actividades deportivas entre a Universidade e o concello pontevedrés, este convenio dará cobertura legal a todas estas iniciativas, dando un paso máis na alianza estratéxica entre as dúas institucións”. Con estas palabras o reitor, Salustiano Mato, definiu o convenio que a Universidade vén de asinar co Instituto Municipal de Deportes do Concello de Pontevedra co propósito de establecer unha liña de colaboración e cooperación para o desenvolvemento científico e tecnolóxico no ámbito da actividade física e do deporte, buscando unha aplicación práctica “de proveito para a sociedade e para a economía”. Esta colaboración manifesta “a boa posición da cidade desde o punto de vista deportivo, pudendo chegar a consolidarse como a capital do deporte de Galicia, se non o é xa”, apuntou Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.

Na visita ao concello pontevedrés, Mato quixo salientar a necesidade de “dar un paso máis” nesa colaboración aproveitando “a consolidación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte con equipos de investigación totalmente preparados para protagonizar saltos cualitativos que lles permitan visualizar novos nichos de futuro tanto no eido social como económico da cidade”. O reitor engadiu que o convenio caracterizase por incluír dúas vertentes, unha competitiva, “que pon de manifesto o traballo, constancia e profesionalidade do deporte”, pero tamén a cuestión saudable, “resolvendo desde o exercicio físico e deportivo moitos problemas de saúde que repercuten economicamente na vida social”, explicou Mato.

O propósito deste convenio é realizar actividades e proxectos de forma conxunta en todo tipo de asuntos que resulten de interese para as institucións, entre as cales destacaron o desenvolvemento de proxectos de investigación, a organización e realización de todo tipo de actividades académicas, apoio a investigadores e estudantes, intercambio de publicacións, traballos de investigación e proxectos culturais ou potenciar a mobilidade de estudantes e persoal docente, “colaboracións que xa se viñan dando de forma espontánea pero que agora quedan amparadas baixo un paraugas legal”, apuntou o alcalde da cidade.

Pontevedra, cidade do deporte

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores destacou o papel “transcendental” que a cidade de Pontevedra “xoga no mundo do deporte”. Así, “temos a sorte de dispoñer do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, de instalacións e dunha paisaxe natural co río Lérez que nos converten na cidade idónea para a súa práctica”. Comentou ademais que Pontevedra conta “co índice máis alto de actividade deportiva entre a poboación xeral dispondo dunha gran cantidade de clubs en diferentes categorías de todos os deportes”.

Os beneficios económicos dos eventos deportivos

Trala sinatura do convenio, o grupo de investigación da Universidade de Vigo en Economía do Deporte, Industria, Ocio e Turismo, SETrg, con sede na Facultade de Empresarias e Turismo do campus de Ourense, presentou o informe sobre o impacto económico do Campionato de España Máster de Natación, celebrado o pasado xaneiro en Pontevedra. Para iso contabilizaron “todos aqueles ingresos que viñan de fóra e que quedaron na cidade, descontando os investimentos en provedores de fóra”, explicou Ángel Barajas, principal investigador. O resultado final foi que nos catro días que durou o evento deportivo houbo un beneficio de 375.000 euros, o que se traduce en que “por cada euro investido xeráronse 15,43 euros para a cidade” o que manifesta “a elevada repercusión económica do evento nun curto espazo de tempo”.

Barajas aclarou que este bo resultado económico derívase “de que a cidade xa contaba cunha boa dotación de infraestruturas para albergar este tipo de eventos deportivos” e que os principais beneficiados foron o sector hostaleiro e hoteleiro. Tamén destacaron que os visitantes “levaron unha boa impresión da cidade e que non botaron nada en falta, salientando ademais que moitos deles repetirían”, concluíu Barajas. O único problema, as comunicacións, pois “algúns deles tiveron que empregar varios medios de transporte para chegar a Pontevedra”.