DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade aposta pola visibilidade da innovación cunha xornada sobre a certificación e as dedución fiscais para o I+D+i

O director xeral, Salustiano Mato, destacou a necesidade de dar a coñecer as ferramentas para acadar

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 18/11/2008

A aposta pola transferencia de coñecementos e a política de fomento do I+D+i nas empresas precisa de medidas que fagan que estas políticas sexan atractivas para o tecido empresarial. As deducións fiscais dos gastos orixinados polos proxectos de I+D+i son un importante incentivo para a promoción da innovación empresarial e a Universidade, consciente disto, reuniu este martes a empresarios e investigadores nunha xornada sobre Proxectos empresariais de I+D+i na que se afondou na certificación e nas deducións nas contas de resultados.
Segundo salientou o director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, Salustiano Mato, “é imprescindible coñecer as necesidades dos empresarios para facer máis sinxela a comunicación e a cooperación”. Neste sentido, apuntou que queda moito por facer, xa que non son poucos os casos de empresas que “non son conscientes de estar desenvolvendo iniciativas innovadoras, susceptibles destas deducións nin tampouco coñecen as ferramentas e axudas públicas das que dispoñen, os seus requisitos e as súas exixencias. Neste sentido a aposta da Universidade é clara, explicou o vicerreitor de Investigación, Manuel Reigosa, “temos unha vocación social e de participación coa empresa no que demos en chamar a tripla hélice a través do I+D, poñendo en contacto grupos de investigación e empresas” pero tamén organizando xornadas deste tipo dando a coñecer as axudas públicas das que se poden beneficiar os emprendedores que aposten pola innovación.
O acto de apertura das xornada contou tamén coa presenza de Galo Gutiérrez, subdirector xeral adxunto de Fomento da Innovación Industrial do Ministerio de Ciencia e Innovación que salientou a importancia e o esforzo que supoñen este tipo de xornadas. “É moi importante que se consolide a transferencia entre a Universidade e a empresa que, ao fin, é quen crea riqueza e benestar e debe estar presente onde se xera o coñecemento”.

Ferramentas e incentivos

Ao longo da xornada, os asistentes puideron coñecer de preto as ferramentas que as administración públicas ofrecen para o fomento da innovación empresarial, por unha banda as certificacións e por outra as deducións fiscais. Segundo Salustiano Mato, “no campo das certificacións xa non podemos falar de futuro senón de presente, xa que son moitas as que se precisan para poder sacar adiante unha empresa e tarde ou cedo hannos pedir unha certificación de I+D para poder vender, xa que en moitos sectores que traballan a nivel internacional dáse por feito que a posúen”, explicou. Sobre as deducións, os director xeral puntualizou que se trata dun instrumento moi debatido na actualidade e que hai que potenciar para “intensificar e dar oportunidades a aqueles que aposten e invertan en I+D mediante estes beneficios fiscais”.
Por outra banda, Mato destacou a importancia da visibilidade, xa moito do esforzo realizado no campo da innovación non é visible, “máis aló dos beneficios ten que aflorar o I+D, é imprescindible que os empresarios visualicen que moito do quen fan nas súas empresas son investimentos innovadores.

Programa das xornadas

Ao longo da mañá expertos e especialistas na materia presentaron as diferentes ferramentas e axudas á innovación. Segundo Ángeles López, directora da Oficina de I+D, “as empresas deben incluír na súa planificación este punto de vista do I+D e tratar de xestionar moito mellor estas utilidades que teñen á súa disposición”. Entre elas, na xornada afondouse na norma UNE 166001:2006, da man de Francisco Domínguez, técnico superior de I+D da Universidade, así como no fomento da innovación empresarial mediante a incentivación fiscal, na elección da mellor alternativa entre os incentivos fiscais das actividades de I+D+i e nas axudas públicas ao fomentos das deducións. Para pechar o programa presentáronse dous casos prácticos de experiencias empresariais para coñecer a posta en práctica da certificación e aplicación de deducións fiscais.