DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Consello de Goberno tamén aprobou a oferta de emprego público e promoción do PAS

A Universidade aproba a convocatoria este ano de 54 prazas de persoal docente e investigador

Na sesión presentáronse as memorias do Campus do Mar e a de Responsabilidade Social

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 22/11/2017

As e os integrantes do Consello de Goberno, celebrado este mércores, aprobaron a proposta de oferta de emprego público do persoal docente e investigador para o ano 2017, que contempla a convocatoria dun total de 54 prazas de profesorado docente e investigador na Universidade de Vigo, das que 14 corresponden a prazas de profesorado contratado doutor e as 20 restantes a prazas de profesorado titular de universidade, incluídas tres para persoal investigador que finalizase o programa Ramón y Cajal e acadara a acreditación. O acordo do Consello de Goberno contempla tamén a aprobación da proposta de convocatoria a concurso de 20 prazas de promoción interna de catedrática ou catedrático de universidade. “A partir deste momento o percorrido que temos que realizar é comunicar á Xunta de Galicia a nosa oferta pública de emprego para que a autoricen e publicala no DOG, o que se debe producir necesariamente dentro do ano natural 2017”, explicou a vicerreitora de Profesorado e Organización Académica, Ana Graña, que confirmou que quedan por decidir os criterios para a convocatoria de sete prazas de profesorado titular, que non teñen área asignada e os criterios para seleccionar tamén as áreas das 20 prazas de catedrática ou catedrático que constan nesta oferta. Pola súa banda, o reitor, Salustiano Mato, sinalou que “creo que estamos de acordo todos en que maximizamos as posibilidades que nos dá a taxa de reposición coas flexibilizacións últimas”.

Na sesión ordinaria de Consello de Goberno correspondente ao mes de novembro, na que se presentaron as memorias do Campus do Mar e a de Responsabilidade Social Universitaria do ano 2016, tamén se deu luz verde á proposta de oferta de emprego público e de promoción do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo. Con 26 votos a favor e seis abstencións aprobouse a proposta da Xerencia, que inclúe seis prazas por aplicación da taxa de reposición correspondente ao ano 2017 para o PAS laboral, ás que se engaden outras seis de promoción interna. No caso do PAS funcionario a oferta contempla 21 prazas de promoción interna de C2 a C1 e outras oito de C1 a C2.

Campus do Mar debulla os seus obxectivos para o vindeiro ano

Na sesión, que comezou co informe do reitor, o comisionado de Campus do Mar, Emilio Fernández, foi o encargado de presentar aos membros do Consello de Goberno o balance e obxectivos do campus de excelencia internacional para o vindeiro ano, mentres que o comisionado para Plans Estratéxicos, Xavier Martínez Cobas achegou a Memoria de Responsabilidade Social Universitaria do ano 2016.

Na súa intervención o reitor da Universidade de Vigo deu conta da evolución das negociacións coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en relación co novo mapa de titulacións, que contempla a creación de 12 novos títulos de grao no Sistema Universitario Galego, o que implicará, lembrou, a supresión de titulacións tanto en Santiago como en Coruña, pero non en Vigo, “que foi quen de consolidar a súa oferta académica, mesmo naqueles títulos sometidos a plans de viabilidade”. Neste sentido, Mato manifestou a súa satisfacción polo grao de ocupación acadado no presente curso pola institución viguesa, que cun 99,7% se sitúa como primeira do SUG. “Non ten tanto que ver cos títulos, como co modelo de ser dono dun mesmo”, asegurou o reitor.

Na presentación da memoria de Campus do Mar, o seu comisionado, Emilio Fernández, tras dar conta dalgúns dos feitos máis relevantes protagonizados polo campus de excelencia internacional desde a súa creación no ano 2010, centrouse e detallar algúns dos obxectivos cos que Campus do Mar pretende asegurar a súa continuidade ante o desinterese e inacción manifestados polo Goberno do Estado en relación cos campus de excelencia. “O Campus de Especialización Mariña da Universidade de Vigo ten como elementos nucleares o Centro de Investigación Mariña da Universidade, a área académica e o Polo de Innovación Mariña da ETEA”, detallou Emilio Fernández, que no caso deste último confirmou que durante o ano que vén está previsto que se desenvolvan os mecanismos de coordinación co Consorcio da Zona Franca para definir a estratexia a desenvolver, ao tempo que se iniciarán as obras de rehabilitación do Edificio Faraday.

Por outra banda, co obxectivo de darlle continuidade ás actividades desenvolvidas por Campus do Mar no ámbito galego, Emilio Fernández referiuse ao Plan de Acción, que será aprobado polo consello reitor do campus, así como ao establecemento dun convenio de financiamento coa Xunta e a posta en marcha de grupo de traballo e seminario conxuntos. No ámbito internacional, no caso da Eurorrexión, o obxectivo para 2018 pasa “pola presentación de proxectos conxuntos de I+D+i e proxectos de rede a convocatorias internacionais”, ao tempo que se reforzará o perfil internacional do campus de excelencia con países europeos e terceiros países.

O compromiso social non ten límites

A inauguración do Edificio Tecnolóxico Espacial en Porto do Molle para o Cinae; a consecución da exposición do Pergamiño Vindel en Vigo; a aprobación dos programas de doutoramento de Campus da Auga e Campus Crea ou o nacemento da Cátedra José Saramago, son algúns dos principais fitos acontecidos durante o ano 2016 na Universidade de Vigo, segundo se recolle na Memoria de Responsabilidade Social Universitaria 2016. O comisionado de Plans Estratéxicos, Xavier Martínez Cobas, lembra que este é o derradeiro informe do actual equipo de goberno e asegura que “o compromiso social non ten límites, nin metas definitivas. Sempre podemos dar novos pasos sobre a base dos anteriores, e tempos confianza plena en que, no futuro, a nos institución cumprirá novas metas, porque a enerxía que impulsa o compromiso da comunidade universitaria é constante”, sinala.