DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Infraestruturas, administración e extensión universitaria sufren os principais recortes

A Universidade aproba o orzamento de 167,9 millóns de euros para 2011, un 4,6% menos ca no 2010

Mantense a aposta estratéxica pola internacionalización e as bolsas de estudantes

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 21/12/2010
“Un orzamento restritivo no que infraestruturas, administración e extensión universitaria afrontan o corte máis forte e no que procuramos manter o esforzo naqueles colectivos que máis o precisan como son os estudantes”. Nestes termos describiu o vicerreitor de Economía e Planificación da Universidade, Xosé Manuel García Vázquez, os orzamentos cos que a institución afronta o ano 2011 e que ascenden a 167,9 millóns de euros, o que supón unha redución do 4,60% sobre o total do exercicio 2010, o que en valores absolutos, se cifra nun recorte de algo máis de 8 millóns de euros.

Con 35 votos a favor, ningún voto en contra e cinco abstencións, as contas para o vindeiro ano aprobáronse esta mañá no derradeiro Consello de Goberno deste ano, un encontro no que tamén se aprobaron oito novos mestrados para o vindeiro curso, así como a participación da Universidade na Asociación Clúster Alimentario de Galicia.

Un ano de fortes reducións

No mesmo día no que se asina en Compostela o novo Plan de Financiamento do SUG 2011-2015, o equipo de goberno fixo fincapé nas dificultades “do que vai ser un ano duro”, subliñou o reitor, en relación a forte redución de orzamento que se verá reflectida en diferentes ámbitos. Nesta liña o vicerreitor de Economía, subliñou que os principais recortes se levarán a cabo na dotación e mantemento de infraestruturas, no goberno e administración e en todo o relacionado con extensión universitaria.

Pola contra,“convencidos de que o futuro pasa, a longo e medio prazo, pola captación de estudantes estranxeiros, sobre todo de posgrao”, subliñou o vicerreitor, “manterase a aposta estratéxica deste goberno pola internacionalización”, apuntou en relación a que se manterán as diferentes bolsas e programas de axuda nesta liña e a dotación de recursos á Oficina de Relacións Internacionais. Na mesma liña, tamén se manterá en cifras próximas as do exercicio anterior as bolsas para estudantes, ás que se dedicarán 2,2 millóns de euros, algo que valoraron positivamente dende este colectivo, “xa que somos conscientes do esforzo que isto supón nestas circunstancias”, subliñou Estevo Sánchez, durante a celebración do Consello, no que tamén agradeceu que igualmente “se manteña o esforzo na promoción da lingua galega”.

Recorte de salarios e despegue do Campus do Mar

Ao igual ca noutros exercicios o persoal segue a supoñer a principal fonte de gastos cun importe de 94,8 millóns de euros, o que supón un 56,47% do total do orzamento e un 4,54% menos ca no actual exercicio, como consecuencia do recorte salarial aos empregados públicos. Doutra banda, tamén o gasto corrente, no que se inclúen partidas como material de oficina, publicidade ou protocolo, padece unha redución do 15,43%, situándose neste caso nos 24 millóns de euros.
No que será o ano do despegue do Campus do Mar, o orzamento do 2011 inclúe tamén as achegas en forma de préstamo do goberno estatal no recoñecemento de Campus de Excelencia, por unha contía de 5.3 millóns de euros e as achegas do programa Innocampus, por un valor de 1,7 mill, se ben, as partidas de gasto reflectidas “son xenéricas, xa que consideramos que debe ser o órgano de goberno do propio campus o que aprobe a aplicación concreta dos fondos”, subliñou o reitor.

Reformas e mantemento, a prioridade en infraestruturas

En canto ás apostas orzamentarias da Universidade para o 2011 no que a infraestruturas se refire “as prioridades teñen que ser as partidas dedicadas a reformas e mantemento”, mentres que as obras novas “son algo que pasa exclusivamente pola captación de recursos externos”, subliñou o vicerreitor de Economía, que fixo fincapé en que o novo CACTI e o Módulo Tecnolóxico Industrial MTI “están a piques de rematarse” e en que xa se acadaron os fondos FEDER necesarios para a construción do Centro de Investigacións Biomédicas, CINBIO e, en breve, se iniciará a elaboración do proxecto construtivo para o Centro de Investigación en Tecnoloxías e Procesos Industriais, CINTEC “á espera de ter éxito na captación de recursos externos para iniciar no propio 2011 a súa construción”.

Ademais, o vindeiro ano será tamén o da posta en funcionamento das escolas infantís dos campus de Pontevedra e Ourense e do inicio da construción da de Vigo, “unha vez que se superen definitivamente os trámites burocráticos e urbanísticos cos que nos atopamos nos últimos tempos”, subliñou Vázquez. No que a Ourense se refire está previsto o inicio das obras do Edificio Administrativo e do Centro de Investigación e Interpretación da Biodiversidade, así como a ampliación do Edificio Xurídico-Empresarial, mentres que en Pontevedra está previsto a finalización das actuacións de urbanización do campus, o proxecto de ampliación de Fisioterapia, os traballos de preparación e posicionamento para o inicio das obras do Edificio das Artes e o proxecto de acondicionamento do antigo Edificio da ONCE como futura residencia universitaria do campus.

Críticas da oposición e da Xunta de Persoal

Desde as filas de Nova Universidade, Jaime Cabeza cualificou os orzamentos como “continuistas” e, aínda que recoñeceu a dificultade do marco no que foron elaborados, insistiu en que “non houbo marxe para o consenso e o diálogo”. Ao tempo que manifestou o seu desacordo coa postura adoptada polo equipo de goberno na negociación do novo Plan de Financiamento, o líder do grupo da oposición aludiu a diferentes cuestións coas que a formación que representa non está de acordo, desde o plan de desgravación docente, ata o recorte que sufrirán os fondos bibliotecarios ou o excesivo peso de determinadas partidas incluídas no capítulo de Responsabilidade Social Corporativa. Así mesmo, propuxo o reto de elaborar unha Relación de Postos de Traballo en PDI, “algo que xa toca nunha institución que cumpriu 20 anos”.

Tamén desde a Xunta de Persoal se realizaron duras críticas a un orzamento que cualificaron como “insubstancial e carente de contido”, se ben, conscientes da difícil situación económica que se está a vivir, propuxeron “dedicar unha parte do orzamento dedicado a acción social a axudar aos estudantes que teñen problemas para poder pagar a matrícula”.

Luz verde a oito novos mestrados

Máis alá da aprobación dos orzamentos, na que se centrou a maior parte da sesión de hoxe, o Consello de Goberno tamén aprobou a creación de 12 novos mestrados, cinco dos cales están adscritos a centros de Vigo (Dirección de PEMES, Linguaxe e Comunicación Profesional, Bioloxía Mariña, Mecatrónica e Ciencia e Tecnoloxía en Termalismo e Balneoterapia); dous a Ourense (Enxeñaría Informática e Xestión Empresarial do Deporte) e un a Pontevedra (Dirección Pública e Liderado Institucional).

Ademais, o Consello de Goberno aprobou a participación da Universidade na Asociación Cluster Alimentario de Galicia, nomeando a vicerreitora Victoria Jato representante da institución nunha asociación que ten como principal obxecto contribuír á mellora da competitividade e da internacionalización do sector alimentario de Galicia.