DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa sinatura dun convenio para a realización conxunta de múltiples actividades

Universidade e Asociación Amigos e Antigos Alumnos estreitan os seus lazos de colaboración

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 29/02/2012
Universidade e a Asociación Amigos e Antigos Alumnos da Universidade de Vigo asinaron esta semana un convenio de colaboración para a realización conxunta de diferentes actividades e proxectos. Publicar revistas, libros, levar a cabo conferencias, mesas redondas, actos, homenaxes... son algunhas das posibilidades que teñen cabida nun acordo “que serve de paraugas formal no que abrigar todas as posibles actividades que fagamos en común”, tal como subliñou o reitor, Salustiano Mato, que se referiu á asociación como “vínculo perfecto para colaborar coa Universidade, sobre todo no que a fidelización dos egresados se refire”.

Na importancia de “ter unha relación permanente cos titulados e tituladas” fixo tamén fincapé o presidente da asociación, José María Franco, quen sinalou que pese a que neste tipo de actividades os países anglosaxóns lévannos moita vantaxe “dende aquí, o camiño avanzando xa é moi amplo”, sinalando que na actualidade a asociación está integrada na Fedederación de Antiguos Alumnos y Amigos de las Universidades Españolas e tamén na súa homóloga iberoamericana. “Precisamente lideramos, conxuntamente con Salamanca, a relación cos antigos alumnos de Portugal”, apuntou o responsable de Relacións Institucionais da asociación, José Luis Vázquez, que estivo presente na rúbrica do acordo, á que tamén asistiu o Comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade, Xavier Martínez Cobas.

Entre as actividades postas en marcha pola Asociación, José Mª Franco e José Luis Vázquez destacaron a publicación da revista trimestral Tres Campus “na que se dan a coñecer noticias sobre a vida universitaria”, destacou Vázquez, e a creación da medalla de honra de “amigo distinguido” que entrega a asociación para dar relevancia a institucións de Vigo e que recibiron xa persoeiros como Julio Fernández Gayoso, Carmela Arias ou o maxistrado Antonio Romero, socio fundador da asociación.