DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ata o de agora contemplábase un tope de catro pagos para os graos e mestrados

A Universidade aumenta a seis os prazos de pago da matrícula para reducir o impacto nas economías familiares

O Consello de Goberno tamén aprobou novas normas de creación de EBTS e propiedade intelectual

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 19/06/2012
O alumnado da Universidade de Vigo disporá o vindeiro curso de ata seis prazos para aboar o importe da matrícula dos seus estudos de grao e mestrado. O Consello de Goberno na sesión ordinaria celebrada hoxe aprobou por unanimidade esta medida que segundo o vicerreitor de Economía de Planificación, Xosé Manuel García, ten a finalidade de “flexibilizar os pagos e facilitar o impacto que para as familias supón abonar as matriculas nun contexto de crise como o actual”. Dos catro prazos vixentes ata o momento pásase a seis, de xeito que no mes que se ten que realizar a matrícula se abonará o 25% da mesma e entre novembro e marzo un 15% cada mes. Xunto a esta medida, a sesión ordinaria do Consello de Goberno celebrada hoxe deu luz verde ao Regulamento de creación de Empresas de Base Tecnolóxica e á Normativa de Propiedade Intelectual e Industrial da Universidade de Vigo, adaptándoas á nova Lei de Ciencia, así como á Normativa de grupos, agrupacións e centros singulares de investigación que define as estruturas organizativas nas que se pode desenvolver a investigación na Universidade.

Na sesión na que se nomeou a Federico Mallo como delegado da Universidade na Escola Universitaria de Enfermaría do Meixoeiro, o reitor Salustiano Mato confirmou que este ano se celebrará un único acto de inicio do curso 2012-2013 que será o conxunto das tres universidades galegas e que terá lugar en A Coruña o 7 de setembro. Así , e tendo en conta o escenario de crise económica actual este ano non haberá apertura propia do curso na Universidade de Vigo, un acto que se celebraba de xeito rotatorio entre os tres campus.

En relación coas instrucións sobre o documento da Consellería de Educación relativo á aplicación de regulación contida no Decreto 222/2011 de 2 de decembro e na orde de 20 de marzo de 2012 sobre ensinanzas universitarias oficiais no SUG, os membros do órgano de goberno da Universidade de Vigo atendendo ao espírito da Consellería de conxelar ata o curso 2015-2016 a oferta de títulos de grao, acordaron como norma xeral non implantar novas titulacións de grao no curso 13-14, mentres que no caso das posibles excepcións, as posibles declaracións de interese sobre propostas títulos de grao que xurdan dunha fusión ou reorganización da actual oferta de títulos de grao ou que contribúan ao equilibrio territorial, deberán serán aprobadas nunha xunta de centro ou e titulación e deben remitirse á Vicerreitoría de Organización académica antes 12 xullo de 2012. O Consello de Goberno tamén deu hoxe luz verde aos criterios da conta de liquidación do orzamento do exercicio 2011.

Modificación dos criterios económicos para a xestión académica

A decisión do Consello de Goberno de ampliar ata seis o número de prazos para abonar as matrículas dos graos e mestrados que o vindeiro curso se impartirán na Universidade de Vigo, forma parte dunha serie de criterios económicos para a xestión académica aprobados hoxe polo órgano de goberno da Universidade e que xunto á flexibilización no pago das matrículas contempla outras acciones encamiñadas a penalizar os pagamentos e anulacións de matrícula fóra de prazo. Así, aplicarase unha penalización do 20% por non abonar en prazo as cantidades correspondentes ás taxas académicas, un concepto polo que segundo lembrou o vicerreitor de Economía e Planificación, a Universidade de Vigo cobrou en 2011, 350.000 euros deixados de pagar en prazo e pendentes de pagamento desde o inicio do curso 2010-2011. No caso das anulacións de matrículas rexistradas fóra de prazo producirase unha penalización de 30 euros.

Regulación e organización das actividades de transferencia e investigación

A Universidade de Vigo conta desde hoxe cun novo Regulamento de creación de Empresas de Base Tecnolóxica, unha Normativa de Propiedade Intelectual e Industrial, así como unha Normativa de grupos, agrupacións e centros singulares de investigación. No caso do Regulamento de creación de Empresas de Base Tecnolóxica, segundo explica o vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán “o que pretende a Universidade de Vigo é facilitar, como fai a Lei de Ciencia e Innovación, a creación de EBTS que cada día teñen máis importancia na valoración das universidades. E é que a nosa Universidade aposta firmemente pola transferencia de coñecemento á sociedade, explotar e poñer en valor ese coñecemento”. Pola súa banda coa Normativa de Propiedade Intelectual e Industrial tamén se axusta o anterior regulamento existente á Lei da Ciencia, “para a xestión da propiedade non só industrial senón todo tipo de coñecemento, establecendo o marco de actuación da xestión e protección dese coñecemento”, explica Vilán. O vicerreitor ten claro que “temos que controlar e coidar que sexa propiedade nosa e que teñamos o retorno imprescindible desde coñecemento”.

No caso da Normativa de grupos, agrupacións e centros singulares de investigación defínense as estruturas organizativas nas que se pode desenvolver a actividade investigadora na Universidade de Vigo. A vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, explicou que os grupos de investigación “constitúen a estrutura básica para o desenvolvemento, organización e xestión de I+D+i na Universidade”, grupos que deberán estar integrados como mínimo por tres investigadores doutores con vinculación estatutaria ou contractual á institución académica. Pola súa banda as agrupacións estratéxicas deberán estar integradas polo menos por cinco grupos de investigación ou un mínimo de 10 investigadores que así poderán incrementar o seu potencial de desenvolvemento e consolidación favorecendo a actividade investigadora interdisciplinar, o aproveitamento de competencias e recursos ou o acceso a fontes de financiamento que dificilmente poderían acadarse de xeito individual. Xa por último, segundo explicou Asunción Longo, “os centros singulares de investigación actuarán como estruturas específicas de investigación que prestarán un marco legal axeitado aos labores de investigación e que teñan carácter estratéxico sectorial ou transversal”.