DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participará nas 'IV Jornadas de Excelencia en la Gestión Universitaria'

A Universidade avanza en Cádiz os seus progresos co plan de calidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 17/11/2010

Un produto sen deficiencias, que goza de estima xeral ou cunhas características que se axustan ás necesidades do cliente. Deste xeito define o diccionario a calidade, un termo esencial no Plan Avante, o Plan Operativo de Xestión da Universidade de Vigo ata 2012 que aglutina as diferentes liñas de acción asociadas aos eixes de modernización, xestión académica e da investigación. Este 18 de novembro será o centro de debate nas IV Jornadas de Excelencia en la Gestión Universitaria, que reunirá en Cádiz a máis de 14 universidades e representantes do Bureau Veritas Certification ou da Axencia Estatal de Evaluación das Políticas Públicas e a Calidade dos Servizos. “A Universidade conta cunha xestión académica dinámica con capacidade para dar resposta aos retos e cambios que xurdan. En Cádiz o que imos expor é o desenvolvemento de todo este proceso”, explica Ángeles Hermida, directora da Área de Xestión Académica, que viaxará a Andalucía nunha expdición na que tamén participarán Ignacio Barcia, vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade; Cristina Rodríguez, xefa do Servizo de Alumnado; Begoña Fernández, xefa da Sección de Títulos e Plans de Estudo; e Rosa Graña, coordinadora da Unidade de Estudos e Programas.

A posta en marcha do plan comezou en 2008 coa finalidade de incorporar a cultura da calidade ao ámbito de xestión , establecer os recursos organizativos de apoio, dotar de intanxibles e mobilizar á organización para a xestión da calidade, o que supón “satisfacer as necesidades e expectativas dos usuarios, facer ben o traballo á primeira e buscar a mellora continua”, recalca Hermida. Neste momento o plan vai “cumprindo etapas” e xa se está traballando nos procesos de títulos para sometelos ao Comité Técnico e comezar a certificar a principios de 2011. Precisamente a implantación de certificado do sistema de xestión de calidade, xunto a cartas de servizo, mellora de procesos e avaliación da satisfacción do usuario son os catro programas que integran o corazón do plan.

Unha xornada de premio

Este encontro suporá unha boa oportunidade para coller ideas, xa que a Universidade de Cádiz ten o seu plan de xestión de calidade moi avanzado. “Son as xornadas universitarias máis importantes a nivel nacional, así que é o foro ideal para o intercambio de experiencias”, asegura Rosa Graña. Unha viaxe que ademais trae moitos recordos e dos bos, xa que o ano pasado a Universidade de Vigo gañou un premio pola presentación do póster A planificación da calidade no ámbito de xestión da Universidade de Vigo-Retribucións e Seguros Sociais, elexida como a mellor sesión de comunicación das xornadas polos 27 responsables dos relatorios.

As melloras das universidades, a debate

Serán mesas redondas, relatorios e grupos de traballo que reunirán o 18 e 19 de novembro na Facultade de Enfermería e Fisioterapia de Cádiz a un gran número de profesionais movidos pola vontade de facer da Universidade unha institución que sexa capaz de dar resposta ás novas necesidades da sociedade. O teletraballo, a avaliación dos servizos, as acreditacións internacionais para áreas e titulacións, o complemento por productividade ou as novas dimensións do mundo online centrarán algúns dos puntos clave das xornadas.