DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa aprobación no Consello de Goberno da normativa de recoñecemento de actividades

A Universidade avanza cara a un novo regulamento de profesorado

Luz verde ao programa de doutoramento de Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 08/02/2012

Con 24 votos a favor, cinco en contra e dous en branco, a sesión ordinaria do Consello de Goberno celebrada hoxe deu luz verde á normativa de recoñecemento de actividades de docencia, investigación e xestión no curso 2012/2013, coa que se pretende establecer inicialmente un criterio de equilibrio entre docencia e investigación para o profesorado a tempo completo, previamente a calquera esquema de recoñecemento de intensificación docente, investigadora e de transferencia. Con esta normativa aprobada hoxe a Universidade de Vigo dá un paso adiante cara á elaboración do novo regulamento de profesorado no que se establecerán as directrices para o deseño do recoñecemento e rexistro do conxunto da actividades do PDI.

Na sesión celebrada hoxe aprobáronse os programas de doutoramento en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar e en Nanomedicina, así como o Máster en Avogacía que se impartirán a partir do curso 2012-2013. A adaptación do Regulamento de estudos de posgrao aos requisitos establecidos no real decreto que regula as ensinanzas oficiais de doutoramento para lectura de teses de doutoramento, a normativa de centros de apoio á investigación da Universidade e a convocatoria do Programa especial de promoción do PDI este curso, tamén recibiron o visto e prace dos integrantes do Consello de Goberno.

Un recoñecemento real de actividades do PDI

Na procura dun marco normativo que contabilice todas as actividades académicas do PDI, docencia, titorías, investigación e transferencia e xestión, e non unicamente as 240 horas lectivas anuais do profesorado a tempo completo que quedan recollidas no Plan de Organización Docente (POD) de cada curso, o Consello de Goberno aprobou hoxe unha normativa de recoñecemento de actividades para o vindeiro curso ante a necesidade de elaborar o próximo POD e que toma como referencia a normativa aplicada o curso anterior, incorporando algunha variación ou axuste.

Os apoios á actividade docente dos centros, ás ensinanzas de posgrado e ás actividades de I+D+i, así como por cargos académicos ou actividades de xestión, son os apartados para os que se contemplarán recoñecementos no POD o vindeiro curso. En paralelo á aplicación desta normativa o equipo de goberno, segundo confirmou o reitor, segue a traballar na elaboración do novo regulamento de profesorado que sinalou, agardan levar a claustro o vindeiro verán. “Os docentes non traballamos 240 horas, senón 1650 e isto hai que dicilo claramente” asegurou Salustiano Mato que lembrou que a vida dun profesor “é dinámica e as actividades varían ao longo dos anos”. Fronte a defensa desta idea, o voceiro de Nova Universidade, Jaime Cabeza, falou dun documento “decepcionante e continuista” e fixo especial referencia ao trato “inxusto” que na súa opinión recibe a docencia en posgrao.

Novos programas de doutoramento e mestrados e novidades na lectura de teses

O vindeiro curso 2012-13 comezarán a impartirse os programas de doutoramento en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar e en Nanomedicina, así como o Máster en Avogacía. O programa internacional impulsado polo Campus do Mar lembrou a vicerreitora de Organización Académica, Docencia e Profesorado, Margarita Estévez, “involucra programas de doutoramento de varias universidades galegas e do norte de Portugal” e é segundo o reitor, Salustiano Mato, un motivo para “felicitarnos xa que esta iniciativa era un gran reto”. Pola súa banda o Programa de Doutoramento en Nanomedicina, será coordinado pola USC e nel participarán as tres universidades galegas e o Instituto de Nanotecnoloxía de Braga. Mentres, o Máster en Avogacía no que tamén están involucradas as tres universidades do SUG, é necesario para exercer a profesión, aínda que non habilita directamente para o exercicio, xa que cómpre previamente a realización dunha proba.

A adaptación do Regulamento de estudos de posgrao aos requisitos establecidos no real decreto que regula as ensinanzas oficiais de doutoramento para lectura de teses de doutoramento aprobada hoxe contempla entre outras novidades a asignación dun titor ou titora; a obriga de presentar a tese en formato electrónico, a posibilidade de empregar a vídeoconferencia en casos excepcionais ou modificacións nos requisitos esixidos para a dirección dunha tese. A redución na composición do tribunal de tese de cinco membros a tres centrou boa parte das intervencións neste punto da orde do día que se pechou co compromiso do equipo de goberno de estudar a posibilidade de establecer un tribunal con tres membros que conte co reforzo de informes externos.

O Consello de Goberno tamén aprobou as axudas de Extensión Universitaria para este ano 2012 e a convocatoria de eleccións para a renovación parcial do Claustro.