DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Iván Area analizou o traballo da institución no simposio Ecolingua

A Universidade como axente normalizador e difusor da lingua galega

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 19/12/2009

O traballo que en normalización lingüística e proxección internacional da lingua galega realiza a Universidade de Vigo centrou a intervención que hoxe realizou no simposio internacional Ecolingua o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area. Xunto ao escritor Suso de Toro, o membro da Asociación de Tradutores Galegos, Xulián Maure, o doutor e profesor de estudos hispánicos e galegos na Universidade de Cardiff, Craig Patterson, Area participou no relatorio titulado Lingua e proxección internacional na derradeira xornada do simposio internacional que hoxe clausuraron a catedrática da USC, Margarita Ledo e o presidente do IGEA, Anxo Quintana.
Na súa exposición o vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Vigo lembrou o traballo de internacionalización e as campañas de normalización lingüística que nos últimos anos desenvolveu a institución académica como o traballo de revisión de textos, convocatorias de axudas para o desenvolvemento de proxectos fin de carreira e teses de doutoramento en galego ou de alicerzamento da Área de Normalización Lingüística que conta tras catro anos con tres técnicas especialistas e catro bolseiros.

Traballo interno e proxección internacional

Europa é plurilingüe, quen sabe galego sabe máis; Chámate con xeito e Busco amante galego falante, foron os tres exemplos de campañas postas en marcha pola Universidade de Vigo aos que aludiu Area e que segundo o vicerreitor “puxeron de manifesto a sobranceira repercusión social e mediática da calquera actividade relacionada coa normalización lingüística. E é que segundo Area “desde o comezo tiñamos claro que a Universidade non é unha illa e non pode abstraerse da situación social xeral da lingua” ao que engadiu o seu convencemento de que “só se poderá avanzar en sintonía cunha decidida acción social e gobernamental que aposte pola súa normalidade en todos os eidos da vida diaria”.
Mantendo como pano de fondo a metáfora do espello (a imaxe de nós proxectada polos espellos sempre ten unha distorsión), o vicerreitor de Relacións Institucionais, abordou os problemas e desafíos que se producen na internacionalización dunha cultura esquematizados de acordo coa cuestión identitaria. A agnosia ou perda de capacidade de recoñecer estímulos da realidade; o mito de narciso ou sobreestimación e necesidade excesiva de admiración e o mal de ollo no que a mirada é o causante de todos os males ou desgrazas que nos acosan, foron as tres descricións de problemas aplicados á internacionalización da lingua aos que aludiu Area que tamén destacou que “a identidade ten unha dimensión pública que carrexa cuestións vinculadas ao poder. Nese sentido, desde outras posicións parte da destrución da identidade pasa por crear feridas. É dicir, se hai unha ferida social é moi difícil ter unha identidade nacional”.
O vicerreitor que Relacións Institucionais que reivindicou o papel da cultura galega como exportadora e non só importadora, aludiu ás investigacións científicas e rigorosas como as que se desenvolven no proxecto Ronsel para a salvagarda e posta en valor do patrimonio inmaterial de Galicia, como “pauta cara a futuro do sistema da cultura”. A última publicación do proxecto sobre instrumentos musicais galegos é neste sentido un bo exemplo polo seu carácter innovador respecto a tratados semellantes “xa que explica como os galegos clasifican os seus instrumentos musicais e afonda no que é un instrumento musical para un galego e no significado do concepto de música en Galicia”.
Partindo da idea de que a nosa identidade é froito dunha interacción sempre por construír e que as relacións entre culturas e en particular a internacionalización sempre se constrúe a partir da imaxe, Iván Area rexeita posturas narcisistas e paranoicas e avoga pola necesidade de “todas as posturas e todos os espellos para construír a nosa imaxe que perciban os outros”.

Tres experiencias, demandas varias

Na súa intervención no relatorio Lingua e proxección internacional o doutor e profesor de estudos hispánicos e galegos na Universidade de Cardiff, Craig Patterson, falou do papel de embaixadores que desenvolven os 50 centros de estudos galegos que existen na actualidade. Centros que precisan dun reenfoque segundo Patterson que destacou as bondades do modelo catalán. O doutor e profesor de estudo hispánicos e galegos tamén demandou na súa intervención un novo pulo para a tradución “que non debe ser subvencionada, aínda que si a promoción”.
Pola súa banda Xulian Maure, membro da Asociación de Tradutores Galegos, sinalou a mellora experimentada pola tradución ao galego no último cuarto de século, aínda que lamentou a falta de medios de difusión que sofre a cultura galega. Maure amosouse moi firme á hora de asegurar que “a gran biblioteca pública de Galicia ten que ser virtual” e lamentou que a gran biblioteca virtual europea careza de items en galego. Froito do traballo da Asociación de Tradutores Galegos, Maure lembrou a existencia da biblioteca virtual Bivir que ofrece aos lectores obras da literatura universal no idioma galego , destacando a sección Biblioteca científica na que a obra Historia de Shoah rexistrou más de 4000 entradas.
Suso de Toro foi o encargado de pechar a quenda da intervencións cun relatorio centrado na súa experiencia profesional como escritor na que sinalou á literatura como “o representante máis granado dunha cultura e de identidade nacional”. De Toro demandou estratexias nacionais que favorezan a internacionalización da literatura galega que asegurou “ten moio que exportar”, pero carece do necesario apoio.