DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Encargada á Xunta de Titulación de Física unha proposta para a transformación da licenciatura

A Universidade axusta o límite de prazas dos graos para o vindeiro curso ao decreto de titulacións da Xunta

Fíxanse límites de 45 e 50 matriculados naqueles graos que non os acadaban

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 23/03/2012
Todos os graos que se impartan o vindeiro curso nos tres campus da Universidade de Vigo terán un límite de prazas cando menos de 50 estudantes no caso do campus vigués e de 45 nos de Pontevedra e Ourense. O acordo aprobado este venres polo Consello de Goberno atende a esixencia do decreto de titulacións para os graos da Xunta de Galicia e no caso da Universidade de Vigo aplicarase a un total de nove titulacións que tiñan un límite de matriculados inferior. Con esta decisión a Universidade adiántase ao mandato da Xunta, pero, como explica a vicerreitora de Organización Académica, Margarita Estévez, “aínda que neste momento non sería imprescindible aplicalo, no curso 2015/2016 analizaranse os números de entrada dos tres cursos anteriores e será necesario cumprir ese requisito numérico. Por iso convén aplicalo xa para aproximarnos a esa esixencia”.

O Consello de Goberno tamén aprobou na sesión celebrada hoxe encargar á Xunta de Titulación de Física a elaboración dunha proposta do plan de estudos para a transformación da Licenciatura de Física. Con este encargo o Consello de Goberno cumpre a sentenza do TSXG de 15 de febreiro que estimaba o recurso presentado contra o acordo adoptado polo órgano de goberno en abril de 2009 polo que se encomendaba á Xunta de Facultade a elaboración da proposta de plan de estudos e subsana os aspectos procedementais requeridos pola sentenza. O cumprimento desta sentenza non afecta ao Grao en Ciencias Ambientais que, segundo o reitor Salustiano Mato, “goza de plena vixencia académica e continuará impartíndose no campus de Ourense”.

A convocatoria de axudas á investigación, as normas básicas do Plan de Organización Docente para o vindeiro curso e a proposta do título de Máster Universitario en Procuradoría, foron outras cuestións aprobadas polo Consello de Goberno ao que o reitor informou do Anteproxecto de Lei de Universidades presentado na últimas horas pola Xunta. “Estamos a estudar o anteproxecto e nese proceso de análise detectamos que as suxestións realizadas por parte la Universidade de Vigo están na súa maior parte incluídas”, sinalou Mato. En concreto o reitor referiuse ao consorcio galego de universidades que a institución académica viguesa propuxo e que considera fundamental para coordinar cuestións como a matrícula ou os mestrados interuniversitarios. Mato lembrou que será o vindeiro mércores no Consello Galego de Universidades cando as tres institucións valoren o anteproxecto.

Aplicación por adiantado do decreto que fixa o límite de prazas

O límite de prazas para o curso 2012-2013 nos graos que se impartan na Universidade de Vigo axustarase ao contemplado no decreto da Xunta de Galicia de decembro de 2011 que regula as ensinanzas universitarias e que fixa un límite de cando menos 50 matriculados nas titulacións que se impartan no campus de Vigo e de 45 no caso dos de Ourense e Pontevedra. Así incrementan o seu límite ata chegar a 50 matriculados nos campus de Vigo os graos en Estudos de Galego e Español, Linguas Estranxeiras e Enxeñaría da Enerxía. Mentres, nos campus de Ourense e Pontevedra soben o seu tope ata chegar a 45 matriculados os graos en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Enxeñaría Agraria, Xeografía e Historia, Consultoría e Xestión da Información no caso ourensán e en Dirección e Xestión Pública e Comunicación Audiovisual no do campus pontevedrés. “Todos os incrementos”, explica a vicerreitora de Organización Académica, Titulacións e Profesorado, Margarita Estévez, “débense á esixencia do decreto de titulacións para os graos (45 en Ourense Pontevedra e 50 en Vigo). Neste intre non sería imprescindible aplicalo pero no curso 2015/2016 analizaranse os números de entrada dos tres cursos anteriores e será requisito cumprir ese número”.

O resto dos graos manteñen o mesmo límite que este curso, salvo no caso de Enxeñaría das Tecnoloxías Industriais que pasa de 200 a 140, Enxeñaría Eléctrica que pasa de 75 a 60 e Enxeñaría en Química Industrial que descende de 80 a 60. “As instrucións da Consellería indican que poden reducirse prazas ata un 5% e os descensos superiores serán autorizados se se constata unha demanda claramente inferior nos cursos anteriores que é o que ocorre en varios graos da Escola de Enxeñaría Industrial”. No caso das propostas de aumento nos graos de Enfermaría de Povisa e de Educación Infantil e Primaria da Escola María Sapientiae a COAP acordou se manteñan as prazas con respecto a este curso “xa que calquera aumento supón unha modificación da memoria e ambas titulacións impártense noutros centros dos tres campus e a análise debe ser global”, explica Estévez.

Na sesión de Consello de Goberno de hoxe tamén se procedeu á aprobación da proposta de Máster Universitario en Procuradoría que habilita para presentarse ás probas de avaliación para o acceso á procura, cuxa superación permite a obtención do título profesional de procurador dos tribunais. Pola súa banda o encargo de docencia para o curso 2012-2013 e o Plan de Organización Docente tamén recibiron o apoio maioritario dos membros do Consello a pesar da reticencias expresadas no caso do POD polos directores das escolas de Enxeñaría Industrial e Minas.

Proposta a Xunta de Titulación de Física para elaborar un plan de estudos

A Xunta de Titulación de Física recibirá o encargo do Consello de Goberno da Universidade de Vigo de elaborar unha proposta do plan de estudos para a transformación da Licenciatura de Física. Con este encargo, aprobado este venres, o Consello de Goberno cumpre a sentenza do TSXG de 15 de febreiro que estimaba o recurso presentado contra o acordo adoptado polo órgano de goberno en abril de 2009 polo que se encomendaba á Xunta de Facultade a elaboración da proposta de plan de estudos e subsana os aspectos procedementais requeridos pola sentenza. Na súa resolución o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sinalaba que consonte á normativa universitaria (Estatutos da Universidade de Vigo e normativa interna sobre a elaboración de Plans de Estudos de Grao), a elaboración do plan de estudos para o “Título de Transformación de la Licenciatura de Física” debía ser encomendada, no acordo do Consello de Goberno de 20 de abril de 2009 á Xunta de Titulación de Físicas, en lugar de a Xunta de Facultade de Ciencias.

O cumprimento desta sentenza non afecta ao Grao en Ciencias Ambientais que goza de plena vixencia académica e continuará impartíndose no campus de Ourense. O reitor asegurou que “este é un acordo que estamos obrigados a tomar” cuxa aplicación comezará coa posta en marcha da Xunta de Titulación á que se lle trasladará o encargo, iniciándose entón un debate no deberán decidir se consideran procedente elaborar ou non unha proposta que en calquera caso, asegurou o reitor, “deberá cumprir con todos os requisitos das normativas actuais”.

Axudas á investigación que poñen o acento no apoio ao persoal en formación

Algo máis de 1, 7 millóns de euros destinará a Universidade de Vigo ás axudas á investigación que poderán solicitar grupos e centros de investigación, persoal investigador, estudantes de mestrado de investigación e doutoramento. En relación coa convocatoria aprobada hoxe polo Consello de Goberno, a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, destaca que “prestouse en todo momento especial atención ao apoio ao persoal en formación (bolsas e axudas de mobilidade), como evidencia o feito de que o 67,5% do orzamento total dispoñible se destina a este colectivo”. Estas axudas que o ano pasado recibiron máis de 1000 solicitudes, das que se concederon 223, plantean programas de axudas estruturais a grupos de investigación, axudas destinadas a incentivar as propostas de proxectos internacionais de I+D, subvencións para a organización de congresos e exposicións artísticas, axudas á mobilidade de persoal investigador e ás actividades relacionadas coa protección e valorización dos resultados de investigación, procesos de certificación e acreditación e reparación de equipamento científico e programas de bolsas e axudas á formación.

A adhesión da Universidade a participar na creación do consorcio Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial e o regulamento de réxime interno do Departamento de Dereito Público Especial, foron outros asuntos aprobados no Consello de Goberno celebrado hoxe.