DUVI

Diario da Universidade de Vigo

11 estudantes latinoamericanos reciben as bolsas coas que cursan mestrados na institución viguesa

Universidade e Banco Santander apostan polo talento iberoamericano

400 solicitudes presentáronse á primeira edición da convocatoria

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría e M. Del Río DUVI 21/03/2012

Chegaron este curso á Universidade de Vigo procedentes de Cuba, Brasil, Perú, Arxentina e Venezuela co obxectivo de cursar un mestrado. Ademais da súa procedencia latinoamericana estes 11 estudantes comparten algo máis: ser os beneficiarios da primeira edición da convocatoria posta en marcha pola Vicerreitoría de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo e financiada polo Banco Santander destinada a estudantes iberoamercianos de mestrado. Este mércores, nun acto celebrado no edificio Miralles, recibiron de mans do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e do director en España da División Global Santander, Alfredo Albáizar, as credenciais das bolsas coas que están a cursar cadanseu mestrado. De “soño feito realidade” ou de “gran oportunidade de formación para contribuír ao desenvolvemento dos seus países de orixe” cualifican os estudantes de mestrado o seu paso pola Universidade de Vigo á que agradecen a súa aposta “polos non nacionais que queren medrar como profesionais”.

No mesmo acto tamén recibiron as súas credenciais os estudantes da Universidade de Vigo beneficiarios das bolsas Universia Vodafone de prácticas preprofesionais en empresas, outra das liñas de axuda económica que o Banco Santander pon en marcha, neste caso para achegar o mundo laboral ao alumnado universitario. Outros vinte alumnos da institución académica viguesa dispoñen o disporán este curso dunha bolsa do Banco Santander para estudar en universidades iberoamericanas. Un respaldo da entidade financeira que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, agradeceu asegurando que “dá resposta a unha institución nova con vocación de transferencia de coñecemento e de internacionalización”, singularidades que o director en España da División Global Santander, Alfredo Albáizar, destacou a o tempo que incidiu en que “toda ou case que toda a responsabilidade social do banco céntrase nas universidades que son claves para a formación”.

Unha oportunidade para o talento de América Latina

Tres estudantes cubanos; catro peruanos; e outros catro de Arxentina, Brasil, México e Venezuela, respectivamente, foron os seleccionados este curso na primeira convocatoria de bolseiros de mestrado latinoamericanos á que concorreron máis de catrocentos estudantes. Meses despois da súa chegada aos campus da Universidade de Vigo onde cursan cadanseu mestrado, coinciden en destacar o acerto da súa elección que os levou a unha universidade á que, segundo profesor da Universidad Nacional Mayor de San Marcos y Pontificia Universidad Católica de Perú Hugo Morales, agradecen “esta oportunidade para os profesionais de América Latina”. Agradecemento que este investigador psicosocioeducativo fai extensivo ao Banco Santander por permitir que “o talento iberoamericano acceda á formación nunha universidade europea”.

Dante Elégiga e Carlos Alberto Echeverría compartían aulas en Cuba, na Universidad de Matanzas Camilo Cienfuegos, e xuntos puxeron rumbo a Vigo. A súa vocación, a mecánica, fíxoos recalar no mestrado en Tecnoloxías e procesos na industria do automóbil e no mestrado en tecnoloxías avanzadas de procesos de deseño e fabricación mecánica, respectivamente. Grazas a esta oportunidade están coñecendo e empregando de primeira man tecnoloxías e avances dos que no seu país só teñen formación teórica, para eles, “un soño feito realidade”. A súa aspiración é que a formación en Europa axude ao avance e crecemento do seu país, que a súa especialización sirva, por exemplo, “para facer despegar nun futuro unha industria automobilística en Cuba, apoiada na posición estratéxica do país”. Os estreitos lazos que unen Galicia e Cuba fixeron que a súa experiencia transoceánica fose “enormemente calorosa”, apunta Dante Elégiga, a pesar das diferenzas “cun país do primeiro mundo coma España”.

Gisele Planchez de Carvalho chegou desde Brasil ao campus de Ourense para cursar o Máster en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria. Tras unha experiencia previa como bolseira en Valencia e tras haber estado en Galicia previamente, Gisele tiña claro que “debía cursar un mestrado para completar a formación recibida en Brasil e que tiña que quería facelo fóra do meu país”. A estudante brasileira non aforra eloxios cara á cidade, os docentes e compañeiros do mestrado, unha idea na que tamén insiste a estudante venezolana do mestrado en dirección e xestión de loxística, Mariana del Carmen Sánchez que afirma sentirse “moi cómoda”, ao tempo que destaca a calidade e o nivel de profesionalidade dos estudos que está a cursar.

A riqueza dun país está depositada no cerebro dos seus cidadáns

“A verdadeira riqueza dun país está depositada no cerebro dos seus cidadáns e non nas reservar do Banco Central”. Con esta frase do matemático arxentino Manuel Sadosky, o director en España da División Global Santander, Alfredo Albáizar, explicou o porqué da aposta da entidade financeira polas universidades que asegurou son “claves na formación”. Albáizar incidiu na colaboración que ao longo dunha década e en diferentes áreas mantiveron o Banco Santander e a Universidade de Vigo que se suma ás máis de 1000 institucións académicas coas que en todo o mundo mantén relación a entidade que inviste 120 millóns de euros ao ano en programas relacionados coas universidades.

Ao igual que Albáizar, o reitor da Universidade de Vigo agradeceu ao estudantes que elixisen a institución académica viguesa, “é un pracer e un privilexio”, asegurou Mato que afirmou que o futuro “se fai con talento e queréndonos moito a nós mesmos e aos demais”. O reitor que remarcou a aposta da institución polos seus proxectos estratéxicos de futuro (Campus do Mar, Vigo Tecnolóxico, Campus da Auga…), asegurou que estes permitirán focalizar “ que sabemos facer e que temos para ofrecer”.

Un programa con vocación de continuidade

Tras unha primeira edición na que as 400 solicitudes recibidas superaron as expectativas dos convocantes, unha nova convocatoria das bolsas de mestrado para estudantes latinoamericanos está a piques de saír. Cun orzamento de 100.000 euros a convocatoria difundirase desde a Oficina de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo entre as universidades latinoamericanas coas que a institución viguesa ten asinados convenios de colaboración e tamén a través de feiras e certames educativos aos que a Universidade de Vigo acude a dar a coñecer a súa oferta formativa.