DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade dá a benvida ao Nadal cun concerto de ópera e zarzuela

Da man da mezzosoprano Nuria Lorenzo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 19/12/2008

Cun repertorio de ópera e zarzuela a Universidade de Vigo deu este venres a benvida ao Nadal da man da mezzosoprano Nuria Lorenzo. Seis pezas amplamente coñecidas polo público asistente deron forma ao programa no que a cantante estivo acompañada ao piano por Carlos Enrique e ao clarinete por Esteban Valverde.
Para felicitar as festas e despedir este ano 2008, a Reitoría optou por mudar o estilo do tradicional concerto de Nadal cara a ópera e a zarzuela para o que contaron coa cantante viguesa e actual directora do Coro Universitario, Nuria Lorenzo. Nada en Vigo, a mezzosoprano comezou os seus estudos de música e canto na Scola Cantorum Santa Cecilia da cidade olívica, ingresando posteriormente no Conservatorio Superior de Vigo, onde se licenciou en canto. Cunha ampla traxectoria a pesar a súa xuventude, Lorenzo xa foi galardoada en varios concursos internacional de canto e tivo o seu debut operístico no Palacio da Ópera da Coruña e no Auditorio de Galicia no 2004 co papel de Alisa de Lucía di Lammermoor. Neste tempo interpretou os roles de Suzuki de Madama Butterfly en Vigo, Almería, Salamanca e Alicante; Imelda en Oberto Conte di San Bonifacio, no Palacio Eskalduna de Bilbao; Fata de Verde de La Bella dormente nel bosco de Respighi, no Teatro Arriaga e The Second Maid de Electra, no Palacio Eskalduna.

Un repertorio diverso e popular

O concerto contou cun repertorio diverso e amplamente coñecido polo público no que se incluíron dúas pezas da ópera Carmen (Habanera e Seguidilla); o Parto, Parto da Opera La Clemenza di Tito; dous tangos das zarzuelas La gran vía e El año pasado por agua e La Encarna da Zarzuela El último romántico, rematando cunha copla.
Unha vez concluída a actuación, serviuse o tradicional pincho de Nadal para toda a comunidade universitaria a modo de despedida do ano.