DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O novo xeneral xefe da brigada mantivo unha reunión coa vicerreitora do campus

Universidade e Brilat buscan potenciar a súa colaboración e coñecemento mutuo

Ambas institucións asinaron en 2022 un convenio marco para impulsar diferentes iniciativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 23/02/2023

Tras a súa toma de posesión como novo xeneral xefe da Brigada Galicia VII-Brilat, Alfonso Pardo de Santayana Galbis mantivo este xoves unha reunión coa vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón. O propósito desta xuntanza, explicaron, era manter unha primeira toma de contacto co obxectivo de potenciar a colaboración entre a Universidade de Vigo e a Brilat, ao abeiro do convenio marco que a institución académica e o Ministerio de Defensa asinaban o pasado ano para impulsar iniciativas conxuntas en diferentes ámbitos. “Creo que temos que buscar todas ás áreas de competencia dual que poidan ser útiles ás dúas institucións”, salientou Pardo de Santayana, quen se amosou “interesadísimo” polo desenvolvemento deste convenio. Nesa mesma liña, Lantarón puxo o foco no interese de que a partir deste acordo marco poidan definirse “outra serie de convenios máis específicos para determinadas actividades, xa sexan de formación continuada, como de investigación ou de transferencia”.

Despois da súa toma de posesión como novo responsable da Brilat, no acto celebrado o pasado luns na sede da brigada en Figueirido, Pardo de Santayana iniciou “unha rolda de contactos coas autoridades das distintas institucións da zona”, explicou, “e unha parte fundamental para nós era a academia, a Universidade de Vigo”. Nese senso, o xeneral xefe defendeu que “podemos encontrar moitas áreas onde ser útiles mutuamente” e lembrou nese senso o traballo que a Brilat leva a cabo en ámbitos como a transformación dixital, ao que se suma “que estamos moi interesados en áreas como as telecomunicacións, a enfermaría, a fisioterapia...”, engadiu. Alén das “sinerxías” que poidan xerase entre ambas institucións, o xeneral xefe salientou tamén a importancia de fomentar o “coñecemento mutuo” entre ambas institucións. Concretamente, puxo o foco no positivo para a brigada de que o alumnado “que está cursando os seus estudos nos diferentes campus da Universidade coñezan” o seu labor “como servidores públicos”. A Brilat, lembrou, está conformada por preto de 2000 persoas, de tal xeito que potenciar “o coñecemento e a relación” contribuirá “a romper moitas barreiras e estereotipos”. 

O convenio que foi presentado o pasado mes de xuño ten como obxectivo promover a colaboración entra a Brilat e a Universidade de Vigo en ámbitos como o desenvolvemento de títulos propios ou actividades formativas non oficiais, a organización de conferencias e seminarios, iniciativas de extensión universitaria e voluntariado ou a realización de labores de asesoramento científico e técnico. Trátase, como lembrou Lantarón, dun acordo marco “cunha duración de catro anos e prorrogable”, a través do que se pode articular “unha relación útil entre a Universidade e a Brilat”, promovendo colaboracións que vaian máis aló do campus de Pontevedra e poidan implicar a centros e titulacións “que poidan ter interese en áreas como a seguridade, as telecomunicacións, a enxeñaría...”. Nese senso, a vicerreitora salientou que o obxectivo é tratar de pór en marcha nos vindeiros anos “todas aquelas ideas que pensemos que poden chegar a bo fin”, á vez que lembrou que Universidade de Brilat xa colaboran en diferentes eidos. Como exemplos, sinalou que a Escola Universitaria de Enfermaría “está realizando determinados traballos de fin de grao” coa brigada e a participación desde hai anos das unidades de alumnado na Facultade de Fisioterapia no Concurso de Patrullas Tui-Santiago.