DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución participa cun stand de 68 metros cadrados, un dos de maior dimensión da feira

A Universidade busca canteira en Edugal

Durante os tres días, centros dos tres campus acudirán a Pontevedra para amosar a súa oferta formati

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 12/04/2012

68 metros cadrados para amosar un amplo abano de titulacións. A Universidade de Vigo participa na primeira edición do Salón de Oferta de Educación e Formación de Pontevedra, Edugal, que se inaugurou este xoves co obxectivo de converterse no maior escaparate da oferta de educación e formación da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A institución viguesa, comandada por Ignacio Barcia, vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, dispón dun dos espazos informativos de maior dimensión da feira, “moi representativo co que significa a Universidade de Vigo neste territorio”, sinala Barcia, no que as escolas e facultades dos tres campus darán a coñecer a súa oferta formativa durante os tres días que dura o encontro.

Ignacio Barcia destaca a necesidade de que a institución se faga presente neste tipo de eventos “xa que acudirá o noso público obxectivo” engadindo ademais a visión “contextualizada” que achega esta participación á Universidade “vinculada e en consonancia con outros axentes da educación, como empresas ou sindicatos”. Nesta xornada inaugural, o vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade contou co apoio da vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, que amosa a súa satisfacción de que este evento se celebre “no noso campo de acción, creando un motivo para que os campus de Vigo e Ourense se acheguen a Pontevedra”. Cada día da feira, o espazo “vestirase coas titulacións de cada campus”, de tal xeito que o xoves se expón a oferta formativa das escolas e facultades de Ourense, o venres a do campus vigués e o sábado a de Pontevedra, habendo titulacións que estarán presentes os tres días ademais dunha sección xeral na que se poida solicitar información de toda a oferta universitaria viguesa. Neste sentido, Barcia remarca o esforzo particular que cada centro realizou “para estar presente e participar nesta plataforma de promoción”.

A Escola de Enxeñaría Industrial e a Naval Militar, espazo propio

Pero a Universidade non está representada en Edugal por un único espazo informativo. A Escola de Enxeñaría Industrial acudiu a este encontro educativo cun stand propio “tanto por cuestións de amplitude como pola necesidade de remarcar os 111 anos de historia do centro”, comenta Juan Pou, director da escola. Así, ademais de amosar e explicar o seu plan de estudos, “queremos dar a coñecer a recente integración nun único centro da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais e da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Industrial”, apunta. O certo é que o stand atrae a un gran volume de público interesado nos proxectos e aplicacións expostos, creados e desenvoltos por alumnado da escola, como láseres, robots ou cámaras infravermellas. “Aos mozos e mozas chámalles especialmente a atención un láser adaptado para a ocasión co que deseñamos chaveiros personalizados inscribindo por un lado o nome do usuario e por outro o logotipo e a páxina web da nosa escola”, explica o director.

A Escola Naval Militar de Marín tamén está presente en Edugal cun espazo propio para explicar as oportunidades que supón cursar a dobre titulación de Grao de Enxeñería Mecánica e Oficial de Marina. Así, alumnos e alumnas do segundo curso do grao explican en que consiste o seu plan de estudos, cales son os sistemas de ingreso e cales son as principais materias a cursar. Paralelamente, a Escola Naval tamén organiza visitas guiadas para amosar “en vivo e en directo” como son as súas instalacións.

Balance positivo

Os vicerreitores Antonia Blanco e Ignacio Barcia valoran moi positivamente esta primeira xornada “na que se están achegando moitos mozos e mozas para preguntar polas nosas titulacións e polas notas de corte que necesitaban para acceder a elas” . Para que non queden dúbidas sobre o abano de posibilidades formativas da Universidade, o propio vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade ofrecerá este venres unha conferencia sobre as titulacións e as saídas profesionais das titulacións, enmarcada dentro do programa Forma Edugal.