DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha enquisa virtual que comezou a distribuírse esta semana

A Universidade busca coñecer a demanda que tería unha residencia estudantil por parte do alumnado do campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Pontevedra 09/02/2023

Co propósito de coñecer a demanda que podería ter unha residencia universitaria na cidade, a Vicerreitoría impulsou esta semana unha enquisa virtual dirixida ao alumnado das diferentes facultades e escolas. “O obxectivo é coñecer cales son as necesidades reais de aloxamento do estudantado do campus”, explica a vicerreitora Eva María Lantarón, da enquisa distribuída esta semana. Neste cuestionario pregúntase ao alumnado tanto polos estudos que cursan no campus pontevedrés, como polos seus municipios de procedencia e de residencia, así como polo medio de transporte que empregan para desprazarse ás súas facultades e escolas, para finalmente coñecer tanto se serían partidarios da creación dunha residencia como se lles interesaría ser usuarios desta e en que períodos da súa etapa formativa.

Como lembra Lantarón, no campus impártense varias “titulacións únicas” en Galicia, o que fai que nel se formen alumnos e alumnas “procedentes de toda a xeografía galega”, así como doutras comunidades autónomas. Nese senso, e “tendo en conta ademais o incremento do prezo dos alugueres”, o propósito desta iniciativa é “coñecer cal é a realidade do alumnado, se vive da aluguer ou coa súa familia, como se despraza ao campus...”, engade a vicerreitora. Nese senso, esta consulta permitirá “ver cal sería o interese” por unha infraestrutura coa que non conta a UVigo en Pontevedra. Deste xeito, sinala Lantarón, poderíase constatar “se hai unha necesidade dunha residencia estudantil na cidade”, para logo incorporar esta demanda “á planificación da Universidade e do campus e estudar onde se podería emprazar esa residencia e con que infraestruturas poderíamos contar”, nun proceso, lembra, “con perspectiva de futuro, a longo prazo”.  

A realización desta enquisa fora anunciada a pasada semana, nunha sesión extraordinaria do Consello de Campus, dirixida a dar a coñecer a proposta trasladada á institución académica dunha posible cesión á UVigo do edificio do Hospital Provincial, unha vez completadas ás obras do Gran Montecelo.