DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os torneos disputaranse entre o 24 e o 27 de marzo en Pontevedra

A Universidade busca os seus representantes para o Campionato de España Universitario de tenis de mesa e paddle

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Camino Carballeira DUVI 11/03/2009

Os vindeiros días 23 e 24 de abril, Valladolid converterase na capital do paddle e do tenis de mesa universitarios. Pero antes, cada universidade ten que seleccionar aos seus representantes. No caso da Universidade de Vigo, Pontevedra reunirá, entre o 24 e o 27 de marzo, aos candidatos no Campionato Interno Universitario. O prazo de inscrición para participar permanecerá aberto ata o día 13.
A primeira xornada, o día 24, estará dedicada á competición de tenis de mesa nas modalidades masculinas, femininas e parella mixta. Segundo explica Gustavo Loureiro, responsable de deportes do campus, “os campións adquirirán o dereito a participar no campionato español, pero o Servizo de Deportes resérvase o dereito a enviar só a aqueles deportistas que, polo seu nivel, teñan posibilidades de facer unha boa actuación”.

Licenza federativa

No caso da competición de paddle, que se celebrará os días 25, 26 e 27 nas instalacións do club Padelbao en horario de mañá, o billete ao campionato español require que os representantes posúan unha licenza federativa. O paddle é unha modalidade de recente inclusión nos torneos universitarios pero, no caso do tenis de mesa, Loureiro apunta, “que a Universidade de Vigo sempre acudiu, as medallas son moi difíciles de conseguir pero contamos con participación”. A organización tamén espera que nestes dous últimos días de inscrición haxa máis estudantes que se animen a participar para poder ter unha boa actuación en Valladolid.
As únicas condicións para participar no campionato son ter a condición de estudante da Universidade de Vigo e inscribirse a través dos Servizo de Deportes ou ben da súa páxina web antes do 13 de marzo.