DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As tres entidades asinaron un convenio marco de colaboración

Universidade, Caixanova e Concello de Ourense únense para integrar o campus na cidade como área dinamizadora de referencia

O proxecto, encargado ao arquitecto Patxi Mangado, terá un custo de 300.000 euros

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 04/06/2008

Caixanova e o Concello de Ourense sumáronse á Universidade de Vigo, mediante a sinatura dun convenio marco de colaboración, no proxecto de integración do campus de Ourense no seu medio urbano máis inmediato como área de referencia da cidade. Tanto o reitor da Universidade, Alberto Gago como o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez e o presidente de Caixanova, Julio Fernández, coincidiron ao afirmar que esta cooperación é a materialización “dun soño compartido tanto a nivel educativo como social e económico” que marcará o desenvolvemento da cidade coa Universidade como elemento dinamizador nos vindeiros anos.
O prestixioso arquitecto Patxi Mangado, recoñecido internacionalmente, será o encargado de levar a cabo a iniciativa, que terá un custo aproximado de 300.000 euros e que Caixanova financiará na súa totalidade.
Alberto Gago amosouse “encantado e feliz” coa sinatura do convenio xa que “os soños, soños son, pero hai que transformalos en proxectos para medrar”. Ademais, apuntou que esta é a primeira vez que a Universidade de Vigo é partícipe “da definición de espazo público e dun plan de progreso urbano e social nalgunha das cidades nas que ten presenza e influenza”. O proceso iniciouse coa idea de integrar o campus dun xeito funcional e físico en Ourense co soterramento da estrada que o divide pero “comezamos a barallar máis medidas como a creación de vivendas para mozos, garderías, novas instalacións deportivas, dotacións culturais e de ocio e espazos de I+D para toda a cidadanía” explicou Gago “e que se viñan sumar á biblioteca que xa fixemos, á piscina que está a piques de rematar e ás pistas de atletismo que comezaremos en breve a construír” engadiu.

Un plan global de integración urbana

Para ordenar e clarificar o ambicioso proxecto, dotándoo dun plan global que inserise todas as accións dentro da cidade, a Universidade propúxolle o reto a Patxi Mangado, que non foi quen de rexeitalo. Foi entón cando o Concello de Ourense “nos brindou todo o seu apoio e prometeu multiplicar os esforzos de planeamento na zona e Caixanova asumiu de inmediato o financiamento do plan como entidade patrocinadora” lembrou o reitor que agradeceu a ambas institucións “a súa implicación e participación dende un primeiro momento”.
Pola súa banda, o alcalde da cidade, Francisco Rodríguez explicou que o convenio marco de colaboración entre as tres entidades “pon os cimentos dunha actuación de gran calado para o desenvolvemento de Ourense coa Universidade como potencial catalizador de cambio” e que ademais supón “un elemento dinamizador do crecemento urbano do seu entorno territorial, a zona leste da cidade” dixo Rodríguez. Co fin de converter Ourense, como terceira cidade de Galicia, na grande área de oportunidade do sur da nosa comunidade, “cómpre construír os eixos para un proceso de revitalización social e económica de progreso asentado sobre o coñecemento, a formación e a investigación, no que a Universidade ten un papel protagonista” explicou o alcalde.
Para iso, o proxecto que Mangado terá que presentar antes do 31 de decembro, aportará as solucións de reordenación urbana que transformen o campus nunha nova área de referencia con solo empresarial para o desenvolvemento de proxectos de I+D+i, un dos obxectivos do goberno local da cidade. A partir dese momento e aínda que os representantes das institucións impulsoras da iniciativa non quixeron falar de prazos, comezarán a realizarse as actuacións previstas “algunhas das cales xa están á espera, e outras se irán desenvolvendo a longo prazo conforme o que se estableza” matizou Gago. De feito, o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez subliñou que isto é o primeiro paso dun proceso “que non consiste só en reorganizar os terreos e suprimir barreiras, senón tamén en planificar as dotacións que teremos nos vindeiros 20 anos”.

Caixanova, sempre coa Universidade

Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova expresou a “grande satisfacción que nos produce a todos os que formamos parte da entidade estar un proxecto así” e lembrou que a Universidade de Vigo naceu da man de Caixanova “aínda recordo as múltiples viaxes ao Banco de España para que nos autorizaran a creala como parte da nosa obra social” dixo. Fernández Gayoso amosou a súa esperanza de que “o reto se converta nunha oportunidade para facer historia en Ourense” concluíu.