DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Anunciaron a posta en marcha dun novo master con vocación lusófona

Universidade e Caixanova reclaman un novo impulso ás potencialidades da Eurorrexión

Na apertura da 2ª edición do Máster en Políticas Comunitarias e Cooperación territorial

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 15/10/2009

Universidade e Caixanova aproveitaron hoxe a apertura da segunda edición do Máster en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial, impulsado por ambas institucións, para reafirmar o seu compromiso mutuo por todas aquelas iniciativas que teñan que ver co desenvolvemento da Eurorrexión. Tanto o reitor, Alberto Gago, como o presidente da entidade bancaria, Julio Fernández Gayoso, quixeron deixar claro a súa postura ante as numerosas polémicas xurdidas nos últimos tempos sobre o valor estratéxico da cooperación transfronteiriza e da integración económica.
Se Gago se referiu ao máster e a Cátedra da Eurorrexión, que tamén comparten ambas entidades, como “un compromiso estratéxico da Universidade”, Gayoso, que lembrou a vocación eurorrexional da caixa dende fai 25 anos, non dubidou en afirmar “que sería un erro que eses titubeos tivesen como resultado un freo do desenvolvemento da Eurorrexión”.
Na mesma liña pronunciouse Xosé Manuel García Vázquez, coordinador do máster e comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade, quen subliñou que “agarda que o urxente non nos leve a esquecer, ou cando menos a adiar, o importante”, en referencia a que os efectos da crise económica provoquen un retraso “que penso sería xa decisivo para a competitividade do país, tanto en Galicia como na Rexión Norte”.
O apoio claro a Eurorrexión centrou tamén a intervención de José Manuel Baltar Blanco, vicepresidente do Parlamento de Galicia, outra das institucións que dende o principio manifestou o seu apoio a esta iniciativa.
Aínda que en principio estaba previsto a participación do reitor en funcións da Universidade de Minho, António Guimarães, finalmente non puido acudir, aínda que si o fixo a coordinadora do máster en Minho, a profesora Ana Paula Marques, así como o profesor Luis Domínguez, coordinador académico do máster e “verdadeiro artífice dos excelentes resultados desta iniciativa”, en palabras de Vázquez.

Ultímanse os detalles dun novo mestrado con vocación lusófona

Destinado a por en valor a estrutura de oportunidade política que representa a programación comunitaria 2007-2013, á que o reitor se referiu como “unha tearaña de moi difícil acceso pero chea de oportunidades”, este máster está a conseguir uns excelentes resultados, tanto a nivel académico como de matrícula, pois se o curso pasado xa se cubriran todas as prazas este curso o número de solicitudes duplicou o máximo de estudantes permitidos: 20 en Vigo e 25 en Minho.
O éxito conseguido impulsou aos creadores do máster a pór en marcha unha nova iniciativa, que está a punto de concretarse, coa Universdiade Católica Portuguesa e a Pontificia Universidade Católica de Río de Janeiro, para poñer en marcha o vindeiro curso un novo mestrado, neste caso enteiramente en liña, destinado preferentemente a estudantes latinoamericanos, dedicado á integración económica rexional e políticas comunitarias, “unha mostra máis do noso interese e proximidade co mundo da lusofonía”, recalcou Gago.

Un máster profesionalizante e internacional

Cun carácter eminentemente profesionalizante, o posgrao está a formar titulados universitarios con sólidos coñecementos da Unión Europea e do desenvolvemento rexional, dotando aos estudantes de ferramentas prácticas para contextualizar as políticas públicas comunitarias nunha rexión concreta e capacitándoos para deseñar estratexias de desenvolvemento endóxeno da eurorrexión no marco das políticas europeas e rexionais. Así, conta cun importante programa de prácticas no que colaboran importantes institucións e empresas como o Eixo Atlántico, os portos de Vigo e Marín, a Deputación de Ourense, a CIG ou a CEP, tal como destacou durante a presentación García Vázquez.
O programa docente está composto por 60 créditos ECTS que se imparten ao longo dun curso académico con modalidade semipresencial apoiándose na docencia on-line. Con todo, dende a organización salientan a importancia dos idiomas e subliñaron a súa oferta complementaria de formación lingüística, tanto en inglés como noutra lingua comunitaria.
O máster conta tamén co aval do Centro Europeo de Excelencia Transfronteiriza que a Comisión Europea lle concedeu á Universidade de Vigo en 2006 e que pretende ser un centro de referencia en cooperación territorial en Europa, con universidades de Portugal, Francia e Romanía, nunha primeira fase.