DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Mato e Fontenla marcan este obxectivo como “absolutamente prioritario”

Universidade e CEG traballarán xuntos para lograr a internacionalización do empresariado galego

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 21/01/2011
Lograr a internacionalización do empresariado galego é un obxectivo prioritario tanto para a Confederación de Empresarios de Galicia como para a propia Universidade de Vigo e así o subliñaron este venres o reitor, Salustiano Mato, e o presidente da CEG, Antonio Fontenla, tras manter un encontro no que estreitaron posturas sobre as múltiples posibilidades de colaboración entre ambas institucións.

“Si acompañamos as nosas empresas neste proceso de internacionalización van a estar máis fortalecidas”, defendeu o reitor vigués, tras explicar que a Universidade pode ser un valor engadido nos procesos de internacionalización do empresariado galego. “É a mellor maneira de pór en valor e aumentar as posibilidades de que as empresas galegas penetren en caladoiros estranxeiros”, argumentou Mato, ao tempo que lembrou a importancia de que as empresas galegas se asenten noutros países e logren penetrar en novos mercados.

“Alianza estratéxica”

Como obxectivo básico desta “alianza estratéxica” coa confederación de empresarios, o reitor destacou a necesidade de “mesturarse, achegarse e ofrecerse as necesidades e demandas concretas que ten o empresariado galego”, un aspecto no que a CEG será a clave para “achegarse ao mundo real”. Nesta liña, Fontela lembrou o encargo do actual goberno da Xunta de establecer 14 plataformas empresariais en todo o mundo, desde China ou India ata Marrocos ou toda Sudamérica, “algo no que ir da man da Universidade será importantísimo”, subliñou Fontenla.

Tamén respecto á importancia da internacionalización na Universidade, Mato lembrou que é un dos obxectivos prioritarios, non só a internacionalización académica, que se visualiza en aspectos como a mobilidade estudantil, impartindo títulos e colaborando con universidades doutros país... senón tamén unha internacionalización que axude e acompañe a internacionalización do empresariado galego. “Somos un aliado interesante para achegar capacidades e solucións concretas e tamén para cementar relacións estruturais nos países nos que os nosos empresarios teñen posta a mirada”, recalcou o reitor.

Fomentar o “espírito emprendedor”

Na súa visita ao campus, o presidente dos empresarios galegos aproveitou para eloxiar a Universidade de Vigo, a que lle solicitou que se implique con todo o sector empresarial galego e vaia máis alá do seu territorio natural, “porque creo que é unha sorte ter tres universidades e debemos gozar das tres”. Neste seno, insistiu tamén na necesidade de colaborar no I+D+i, un campo no que “cremos que podemos ter moitas accións de contacto”.

Nun intre de crise económica como o actual, Fontenla tamén fixo fincapé no importante papel que xoga a Universidade á hora de desenvolver o espírito emprendedor dos novos titulados. “Moitos rapaces que se acaban de licenciar poden ter a posibilidade de seguir un camiño empresarial”, destacou o presidente da CEG.