DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O economista de orixe galego Jorge Martínez Vázquez foi investido Doutor Honoris Causa

A Universidade celebra San Tomé exaltando a excelencia e a aposta pola internacionalización

Na cerimonia premiáronse "a valía e esforzo" dos mellores expedientes e teses de doutoramento

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 31/01/2011

Premiar aos mellores alumnos e alumnas, abrirlles a porta aos novos doutores e acoller un novo Doutor Honoris Causa foron os tres piares da conmemoración de San Tomé de Aquino, patrón das universidades, unha celebración que se viviu este luns na Universidade de Vigo con continúas referencias á excelencia investigadora e a firme aposta da institución pola internacionalización. Ambos aspectos se personalizaron no economista de orixe galego Jorge Martínez Vázquez, investido hoxe Doutor Honoris Causa, así como no alumnado que recibiu os Premios Fin de Carreira e nos investigadores e investigadoras que recolleron os Premios Extraordinarios de Doutoramento.

No salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde se deu cita unha destacada representación do mundo académico, político, económico e social, o reitor, Salustiano Mato, lembrou a importancia dun curso no que o Ministerio de Educación recoñeceu o Campus do Mar como Campus de Excelencia Internacional, unha consecución que, subliñou, marcará un antes e un despois no discorrer desta Universidade e que “nos debe abrir as portas a unha serie de procesos máis doados para apostar pola internacionalización”. Nesta liña non deixou de destacar a necesidade de seguir gañando “recoñecemento e prestixio” como principais desafíos nos que a Universidade debe pór a súa mirada.

Cos ollos no mar

Pondo de novo como referencia o mundo mariño, Mato referiuse ao novo Doutor Honoris Causa como “un home que naceu co mar nos ollos”, en referencia á súa infancia no barrio de Lomba en Vilagarcia, onde traballou xunto cos seus pais e os seus irmáns nas bateas que fondean as rías, “hoxe acollémolo coa ledicia coa que se acolle no fogar a quen se foi del hai xa moitos anos e volta para dar o mellor de si aos seus”. Neste senso, hai que enmarcar as palabras do padriño, o profesor do Departamento de Economía Aplicada, Santiago Lago quen, ademais de lembrar os múltiples méritos do currículo do novo Honoris Causa, fixo fincapé en que Martínez Vázquez representa o compromiso coa excelencia académica, coa transferencia e o coñecemento a sociedade, coas institucións públicas e o tecido produtivo e, sobre todo, “coa lóxica e a estratexia da internacionalización dende un pequeno país como Galicia”.

Tras recoller os atributos que o distinguen como Honoris Causa -a medalla, que recolleu de mans do reitor, e o libro da ciencia, anel e luvas brancas de mans do padriño- Martínez Vázquez dedicou verbas de agradecemento “aos compañeiros de Rede”, en referencia aos profesores deste grupo de investigación do Departamento de Economía Aplicada cos que colabora dende hai anos, así como á súa familia “e tantos compañeiros de camiño en España, nos Estados Unidos e noutros países”.

Referencia internacional no eido das relacións fiscais intergubernamentais e a facenda local, Martínez Vázquez centrou o seu discurso de investidura na situación da descentralización fiscal en España, “sempre desde unha perspectiva internacional”, subliñou. Con non poucas alusións ao que considerou o “pecado orixinal” da Constitución Española, en referencia ao réxime foral de País Vasco e Navarra, que considerou como “a longo prazo desestabilizador”, o economista puxo sobre a mesa numerosas recomendacións, entre outras, que as administracións rexionais nunca controlen a recadación dos impostos a nivel nacional e que sexan as propias comunidades autónomas as que “cando queiran máis ingresos exerzan a súa propia autonomía tributaria”.

41 Premios Extraordinarios de Fin de Carreira e 48 de Doutoramento

Ao carón do talento consagrado, representado na figura de Martínez Vázquez, a Universidade festexou tamén a excelencia académica dos máis novos, representados nos premios extraordinarios fin de carreira, e tamén dos novos talentos investigadores, na figura dos novos doutores que recibiron o premio extraordinario de doutoramento. “Vaiades a onde vaiades sede sempre conscientes de que desde esta Casa sempre estaremos orgullosos de vós”, subliñoulles o reitor aos 41 premios extraordinarios que recibiron o premio extraordinario de fin de carreira e 48 de doutoramento que recolleron, arroupados por familiares e directores a medalla da Universidade, un símbolo co que a institución da fe da súa valía e esforzo e premia a súa constancia e dedicación.

Esforzo e valentía

O acto de celebración de San Tomé rematou co discurso do reitor e a posterior realización dunha foto de familia entre todos os homenaxeados. Botando a vista atrás, Mato fixo fincapé na importancia da excelencia e a internacionalización, ambos os dous aspectos ligados ao proxecto estrela da institución, o Campus do Mar, así como tamén ao novo Plan de Financiamento do SUG, “co que a Universidade está totalmente de acordo” e polo que velará para que se cumpra a partir deste mesmo ano.

Afondando na idea da excelencia e tamén de valentía, a que fai falla para afrontar unha época marcada polas fortes dificultades económicas, fixo referencia tamén ao traballo do novo Doutor Honoris Causa, a quen lle deu a máis calorosa benvida á Universidade “da súa terra” e o puxo como exemplo para os que acadaron os premios extraordinarios “sen dúbida galardóns que veñen precedidos do esforzo continuo que leva á mellora persoal e profesional”.

A interpretación do Gaudeamus Igitur por parte do Coro Universitario pechou o acto de celebración do San Tomé.

- Jorge Martínez Vázquez: "O pecado orixinal da Constitución española é o réxime foral"

- Salustiano Mato: “O futuro brilla para esta Universidade a pesares dun presente que nos obriga a realizar sacrificios”

- Aplausos e recoñecementos para os Premios Extraordinarios de Fin de Carreira e Doutoramento