DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da próxima sinatura dun convenio entre as dúas institucións

A Universidade e o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar tenden pontes de colaboración

Entre as primeiras accións estarán as I Xornadas Multidisciplinares

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 19/09/2012

Cada día máis a Universidade traballa por estreitar os seus lazos e a súa colaboración con diferentes colectivos e institucións da contorna. Nesta liña de traballo, o campus de Ourense e o Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar asinarán proximamente un convenio de colaboración entre as dúas institucións cuxos froitos xa se poderán ver as vindeiras semanas coa celebración dun amplo abano de actividades, tanto no cárcere ourensán coma no campus de Ourense. Haberá música, teatro, cine, debate e unhas xornadas co obxectivo final de comezar a tender pontes de comunicación entre o mundo universitario e o penitenciario.

“A Universidade traballa para ser un espazo aberto a toda a cidadanía e a colaboración con Pereiro de Aguiar non é só positiva polas achegas que nós podamos facer senón tamén polas que eles poden ofrecernos”, destacou María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, que empezou precisamente a súa traxectoria profesional nesa prisión. Coincidindo coa celebración do 25 aniversario do cárcere, Silvia Alonso, a súa directora, salientou que esta colaboración se enmarca dentro da filosofía da súa institución de “abrir o centro á sociedade” con actividades que poidan ser enriquecedoras para todos os implicados.

Actividades nos dous espazos

A programación das primeiras actividades froito desta colaboración divídense en dous bloques. En primeiro lugar, os días 24, 27 e 28 de setembro terán lugar no centro penitenciario unha serie de accións a cargo de membros da comunidade universitaria. Concretamente, o día 24 ofrecerá un concerto o Coro Universitario do Campus de Ourense, baixo a dirección de Xavier Álvarez; o día 27 actuará a Aula de Teatro de Maiores, que representará a obra Roubo no museo, baixo a dirección de Raquel Feijóo; e o día 28 celebrarase un video-forum, coordinado polo docente Pablo Raúl Bonorino, no que participarán unha vintena de estudantes universitarios e no que se proxectará a película Cinco minutos de gloria.

O segundo bloque de actividades terá como escenario o campus de Ourense os días 1, 2 e 3 de outubro e levará por título I Xornadas Multidisciplinares Universidade-Centro Penitenciario: Construíndo Pontes. Durante os días de celebración expertos do eido universitario e tamén penitenciario afondarán en aspectos como o dereito penal ou o papel das Onegues, do voluntariado e dos educadores e traballadores sociais nos ámbito das prisións.

De cara ao futuro

Alén destas actividades, durante a súa presentación a vicerreitora do campus anunciou que este curso se celebrará na cárcere unha nova edición dos Martes ConVida, unha iniciativa do proxecto Campus ConVida que consiste na ubicación de dúas carpas nas que diferentes profesionais analizan os hábitos e a saúde dos participantes, ofrecéndolles consellos para mellorar a súa calidade de vida. Tamén apuntou María Lameiras a intención de que internos e internas do centro, que polas súas circunstancias así o poidan facer, participen en iniciativas culturais ou deportivas do campus ou mesmo que actividades destes dous servizos teñan lugar no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar.