DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun mes presentarase o programa concreto de actuacións

Universidade e CEP poñen en marcha unha Comisión Mixta de traballo

O obxectivo é harmonizar as capacidades da Universidade coa demanda do tecido produtivo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 27/12/2010
Harmonizar as capacidades da Universidade coa demanda do tecido produtivo e seguir a incrementar a oferta de prácticas preprofesionais, son os dous obxectivos prioritarios que a Universidade e a de Confederación de Empresarios de Pontevedra se marcan para o vindeiro ano. Así o subliñaron o reitor, Salustiano Mato, e o presidente da Confederación de Empresarios, José Manuel Fernández Alvariño, nun encontro no que xa adiantaron a posta en marcha dunha Comisión Mixta de traballo que será a encargada de definir o programa concreto de actuacións para o ano 2011 “que se presentará como moi tarde dentro dun mes ou mes e medio”, segundo apuntou o reitor.

Tras un primeiro semestre centrados na consecución da marca de Excelencia para o proxecto do Campus do Mar e na negociación do novo Plan de Financiamento, a Universidade iniciará o novo ano con novos obxectivos, entre eles, “un dos máis prioritarios”, segundo apuntou Mato, “é pornos a traballar co sector empresarial”. Neste senso, Mato fixo referencia a que o máis interesante é o “cambio cualitativo que queremos dar”en relación á importancia de empezar a analizar o desenvolvemento de "proxectos cooperativos globais".

Os retos pasarán por achegarse moito máis a sectores como o primario ou o terciario

Ata agora, segundo explicou o reitor, a Universidade está facendo ben os traballos dunha ou dúas empresas cun grupo de investigación, pero chegou o momento de definir “obxectivos diana” pensados para o futuro dun sector empresarial concreto ou dunha asociación de empresarios “temos que centrarnos en identificar un proxecto que resolva un problema dun sector concreto e lle permita fabricar futuro a ese sector”, subliñou o reitor, ao tempo que explicou que a maior parte das empresas que traballan coa Universidade teñen un compoñente tecnolóxico importante e, polo tanto, os retos pasarán por achegarse moito máis a sectores como o primario ou o terciario (turismo, comercio...) “nos que a Universidade está menos presente”.

Na mesma liña, manifestouse tamén o presidente dos empresarios pontevedreses que puntualizou que se“trata de non marcar cincocentas directrices, senón tres ou catro prioritarias e que sexan estas as que se realicen”.

Prácticas “tuteladas, dirixidas e ben orientadas”

Con esta reunión revitalízase o convenio subscrito no 2010 entre ambas entidades e, neste novo marco, os esforzos centraranse na transferencia de coñecemento, o apoio aos emprendedores e, sobre todo, en seguir mellorando as posibilidades que ten o alumnado universitario de realizar prácticas en empresas “tuteladas, dirixidas e ben orientadas para o perfil profesional de cada un deles”, apuntou Mato, ao tempo que subliñou que o obxectivo é que a meirande parte dos alumnos e alumnas teñan nalgún momento da súa formación a posibilidade de ter unha estadía nunha empresa real, ao que Alvariño engadiu que é fundamental “que os mozos se vaian namorando do mundo empresarial e que cando saian o mercado laboral teñan xa esa experiencia proactiva”. Nesta liña adiantaron que unha das primeiras tarefas da Comisión Mixta de traballo, na que por parte da Universidade estará o vicerreitor de Transferencia, José Antonio Vilán, será concretar a oferta total de prácticas ás que pode acceder o alumnado.

José Manuel Fernández Alvariño aproveitou a súa visita á Universidade para remarcar a importancia do proxecto do Campus do Mar, ao que se referiu coma un “hito que marcou un antes e un despois na historia da cidade” e, nesta liña, adiantou que se está a traballar na posible creación dun Foro do Mar , “partindo do mar coma un elemento económico con todas as connotacións que poida traer consigo, desde un porto ata a propia industria”, subliñou o representante dos empresarios.