DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado do Máster en Innovación Industrial fará o seu stage práctico en PSA

Universidade e Citroën afondan na súa simbiose coa sinatura dun convenio de cooperación educativa

Mato e Innani inciden la alianza estratéxica que manteñen as institucións que dirixen

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 01/09/2011
O alumnado do Máster en Innovación Industrial e Optimización de Procesos que se imparte por terceiro ano na Universidade de Vigo poderá realizar as súas prácticas na factoría viguesa de PSA Peugeot Citroën e virtude ao convenio asinado hoxe polo reitor Salustiano Mato e o director da planta viguesa Pierre Ianni. Este acordo de cooperación educativa reforza, segundo o reitor da Universidade de Vigo, “a alianza estratéxica que mantén a Universidade con Citroën e que ano a ano aumenta cualitativa e cuantivativamente” e que se materializa tanto no campo da innovación como no da formación. Para Ianni o convenio “reafirma a vocación común de potenciar a adecuación dos programas educativos ás necesidades do mundo da automoción” así como a “estreita colaboración que Citroën mantén coa Universidade desde hai case 20 anos”.

O máster, que ofrece 25 prazas destinadas a titulados e tituladas universitarias, ten a finalidade de formar profesionais capacitados para incorporar unha estratexia de innovación as súas empresas e, simultaneamente, integrala coa filosofía e técnicas lean de mellora continua. Empresas de todos os sectores, aínda que en especial do automóbil, naval ou alimentación; centros tecnolóxicos e sectores menos representados na economía galega como o aeronáutico ou o farmacéutico, son segundo Xosé Henrique Vázquez, coordinador do máster os caladoiros de procedencia do alumnado conformado por “estudantes de toda Galicia, pero maioritariamente do sur”.

PSA, un aliado estratéxico

Na sinatura do convenio entre a Universidade de Vigo e PSA, o reitor Salustiano Mato definiu a empresa gala como un “aliado estratéxico e motor económico da área” co que a institución académica, dixo, “ ten volcadas as súas capacidades de colaboración para darlle valor engadido”.

Mato que lembrou os proxectos de innovación que a Universidade desenvolve con Citroën como o Civitas Plus ou o CTAG, tamén aludiu a outros nos que se pretende seguir avanzando como o coche eléctrico e que, segundo o reitor, “seguiremos concretando e buscando oportunidades en caladoiros internacionais para ter unha relación máis simbiótica e mutualista con Citroën”. No campo da formación o reitor citou a Cátedra Citroën ou o Máster en Automoción como exemplos de colaboración coa multinacional francesa e aos que agora se engade o convenio asinado hoxe que permitira ao alumnado do Máster en Innovación Industrial facer o seu stage práctico en Citroën. Para Mato “é un avance importante que o alumnado en período de formación pase polo mundo real, desenvolvendo un traballo na empresa e aplicando os seus coñecementos”.

A Universidade, un partner indispensable

O director da planta de PSA manifestou a súa satisfacción pola sinatura do convenio coa Universidade de Vigo á que definiu como un “partner indispensable”. Unha acción de cooperación educativa que permitirá, segundo Ianni, “compartir retos como facer de Galicia unha rexión que sexa observada con admiración pola súa capacidade para competir”. O director da planta viguesa de PSA lembrou que audacia, ambición e anticipación son tres lemas da fábrica que “tamén se aplican no caso desde convenio e na vocación común de potenciar a adecuación dos programas educativos ás necesidades do mundo da automoción”.

Ianni asegurou na súa intervención que coa Universidade “temos moitos pasos por dar y un mundo de cooperación por explorar” ao tempo que puxo o acento na innovación e optimización dos procesos industriais como claves para desenvolver a competititivdade e asegurar o futuro.

A sinatura deste convenio prodúcese xusto antes de iniciarse a terceira edición dun mestrado que xa titulou arredor de 40 persoas, profesionais que constituíron unha rede en Linkedin con máis de 700 profesionais da Eurorrexión dedicados a estes temas.