DUVI

Diario da Universidade de Vigo

3758 novos estudantes elixiron as aulas universitarias viguesas, un 1,5% máis ca o curso pasado

A Universidade cobre o 95% das prazas ofertadas en primeiro

A matrícula nos tres campus ascende a 22.645 alumnas e alumnos

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 06/02/2013

3758 mozas e mozos elixiron este curso algunha das escolas ou facultades da Universidade de Vigo para iniciar os seus estudos universitarios, un número que se traduce nun 95% de prazas cubertas –ofertábanse 3919- e nun incremento de alumnado de novo ingreso dun 1,5% con respecto ao curso pasado, cando se matricularan na institución académica viguesa 3699 novos estudantes. Os bos datos repítense nos tres campus, xa que as cifras de matrícula incrementáronse tanto en Ourense, onde pasan de 841 novos alumnos a 853; como en Pontevedra, de 773 a 779; e en Vigo, de 2085 a 2106.

A xuízo do reitor vigués, Salustiano Mato, “os resutados amosan que imos polo bo camiño no senso de acadar o equilibrio entre a oferta que achega a Universidade de Vigo e a demanda da propia sociedade", subliñou, ao tempo que destacou que "convén salientar que incrementamos o número de alumnos nun momento no que se está no proceso de adecuación ao EEES”.

577 novos estudantes na Escola de Enxeñaría Industrial

No campus de Vigo, o centro con maior número de alumnos matriculados de novo ingreso é a Escola de Enxeñaría Industrial con 577 novas alumnas e alumnos nos seis graos que se imparten no centro; seguida das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais (305) e Filoloxía e Tradución (214).

En Ourense boa parte do alumnado de novo ingreso estuda nalgún dos catro graos impartidos na Facultade de Ciencias da Educación (325) e, a continuación, sitúase a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo (175) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (108).

En Pontevedra, o centro con maior número de alumnos matriculados de novo ingreso é Ciencias da Educación e do Deporte, con 229 novas alumnas e alumnos, seguido de Ciencias Sociais e da Comunicación, con 188, e Belas Artes con 127.

O tecnolóxico é o ámbito que máis alumnado gaña

Por ámbitos, foi o tecnolóxico, con 1054 alumnas e alumnos matriculados, o que experimentou un maior incremento da demanda, con 66 estudantes máis ca o curso pasado; seguido do Científico e Ciencias da Saúde, que con 853 alumnos conta con 54 alumnos máis matriculados ca no anterior curso. En similares cifras mantense o ámbito humanístico, con 375 alumnos matriculados -5 máis ca o curso pasado- e descende a matriculación nas titulacións do eido xurídico-social que, pese a perder 66 alumnos con respecto ao curso pasado, mantense como o eido con máis alumnado matriculado, cunha cifra total que ascende a 1769 estudantes.

32 graos cubriron todas as prazas

En 32 dos graos que oferta a Universidade a demanda superou a oferta e pecharon con todas as prazas cubertas. Cubriron practicamente a demanda nove titulacións no campus de Ourense (Ciencias Ambientais, Dereito, Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Social, Enfermaría, Enxeñaría Informática, Traballo Social e Turismo); oito en Pontevedra (Belas Artes, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Comunicación Audiovisual, Educación Infantil, Educación Primaria, Enfermaría, Fisioterapia e Publicidade e RRPP) e 15 no campus de Vigo (Dirección e Administración de Empresas, Bioloxía, Ciencias do Mar, Dereito, Economía, Enfermaría, tanto en Povisa como no Meixoeiro, Enxeñaría en Organización Industrial, Enxeñaría da Enerxía, Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, Enxeñería Mecánica, Linguas Estranxeiras, Química, Relacións Laborais e Recursos Humanos e Tradución e Interpretación, que cubre as prazas nas súas catro ramas: español-inglés, español-francés, galego-inglés e galego-francés).

Un incremento do 27% no alumnado de novo ingreso en mestrados

Este curso 1934 estudantes matriculáronse por primeira vez nalgún dos másters ofertados pola Universidade de Vigo, o que supón unha subida do 27,06% con respecto ao número de novos alumnos do curso 2011/2012. Recupérase así a tendencia á alza rota o ano pasado a causa da adaptación a Boloña, que deixaba un axuste da oferta á baixa e 1522 novos inscritos, un 5% menos. Así, este ano o número total de matriculacións nos distintos cursos de mestrados ascende a 2187, o que supón un incremento do 9,51%. Por campus, Vigo está á cabeza con 1477 estudantes, o 67,53% do total, seguido de Ourense -466 inscritos- e Pontevedra -244-.

En canto aos ámbitos, o Xurídico-Social acapara case a metade dos matriculados, con 1041 mozos e mozas, 931 de novo ingreso. Séguenlle os mestrados centrados do eido Tecnolóxico, con 626 inscritos -28,62%-, 578 en primeiro curso, e pechan con cifras moi similares os másters de ámbito Científico -261 matriculados, dos que 208 son novos- e das Humanidades -259, dos que 217 son de primeiro-.

Un total de 22645 matriculados en todas as titulacións

A Universidade de Vigo soportou este curso un lixeiro descenso na suma total de matriculados: 22645 alumnos e alumnas no 2012/2013 fronte aos 22774 do curso 2011/2012, apenas un 0,56% menos. Por campus, o vigués aglutinou ao 58,89% do estudantado e un total de 13336 inscritos, fronte aos 4557 alumnos (20,12%) de Ourense e os 3903 (17,23%) de Pontevedra. A esta cifra hai que engadirlle os 397 alumnos de intercambio ou estranxeiros que fixeron unha estadía na institución viguesa (o 1,75% do total) e os 452 matriculados no Programa de Maiores (1,99%).

En canto ao tipo de estudo cursado, o de grao é o que maior número de mozos e mozas suma con 13246 estudantes, un 58,49% dos inscritos en todas as titulacións. Outra cifra importante é a daqueles matriculados en 1º ou 2º Ciclo dos plans antigos (licenciaturas, enxeñarías, enxeñarías técnicas e diplomaturas), cun total de 5783 rapaces e rapazas, o 25,53%. Un compendio global ao que hai que sumarlle os 2187 alumnos rexistrados nos mestrados (9,65%), os 880 de doutoramento (3,88%), os 452 do Programa de Maiores (1,99%) e os 97 dos que cursan os Estudos Superiores en Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga), titulación propia da Universidade de Vigo.

Datos de matriculados de novo ingreso no curso 2012-2013 (62.77 Kb)