DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este martes Esther de Blas reuniuse coa nova xunta directiva deste órgano

Universidade e Colexio de Economistas de Ourense apostan por renovar a súa colaboración

Na actualidade existe un convenio entre as dúas entidades

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Universidade e empresa
  • Visitas
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 26/02/2019

Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, recibiu este martes nas instalacións universitarias á nova xunta directiva do Colexio de Economistas de Ourense, que está a realizar unha xeira de visitas a organismos e entidades da cidade co obxectivo de establecer novos lazos de cooperación cos axentes da contorna. Desde as dúas entidades amosaron a súa intención de renovar e incentivar a colaboración existente entre elas.

“O interese da reunión foi coñecérmonos coa intención de seguir colaborando en todas as actividades que xa hai conxuntas, continuando na mesma liña que en anos anteriores. Eu creo que o entendemento é total e que vai haber catro anos de boa colaboración entre todos”, comentou Esther de Blas despois do encontro. “A nosa intención é renovar o convenio de colaboración que temos coa Universidade de Vigo. Abrimos unha nova etapa que vai a durar catro anos e agardamos seguir colaborando como o faciamos ata o de agora e colaborar cada vez máis”, comentou pola súa banda Carmen Sampayo, nova decana-presidenta do Colexio de Economistas de Ourense.

Na actualidade, lembrouse na reunión, este colexio profesional, que agrupa principalmente ás e aos economistas profesionais da provincia de Ourense, participa en diferentes actividades, como son a concesión de premios ao mellor expediente e aos mellores traballos fin de grao da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus. “A importancia da Universidade para nós é total”, afirmou Carmen Sampayo. Así, lembrou como moitos dos membros da entidade se formaron nesta institución académica e como o colexio fomenta a incorporación nel dos novos egresados e egresadas ofrecéndolle diferentes facilidades e vantaxes formativas.