DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Pontevedra colabora por primeira vez coa organización do VII Simposio Ibérico de Tenis

A Universidade colle a raqueta de tenis

Esta xornada abre novas liñas de traballo entre a institución e as federacións galega e española des

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Bea Feijóo DUVI 05/06/2012

A Universidade de Vigo amplía o seu compromiso co deporte ao comezar a súa colaboración co Simposio Ibérico de Tenis, que celebra a súa sétima edición na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte entre o 7 e o 8 de xuño. Se na pasada semana foi a quenda do fútbol cun congreso internacional, desta volta a facultade dálle pulo a un deporte con grandes oportunidades laborais para o alumnado do campus. Organizado polas federacións Galega, Española e Portuguesa de Tenis, este encontro “marca un punto de inicio para dotar de maior profesionalismo a este deporte na cidade, que conta con moitos seguidores”, explicou o profesor Jorge Viaño, coordinador do congreso dende a Universidade.

Este martes fíxose a presentación pública deste simposio que tamén, por primeira vez, terá lugar na cidade pontevedresa, “grazas en parte pola colaboración e o apoio da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte”, destacaron os membros da Federación Galega de Tenis, que estiveron acompañados pola vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, que salientou a vertente máis científica das xornadas, “un foro de investigación e de transmisión de coñecemento entre expertos cuxos resultados débense proxectar á sociedade”, apuntou Blanco. Así mesmo sinalou a importancia de que a Universidade participe activamente neste tipo de encontros “que axudan a potenciar un dos eixes principais deste campus, como é o de deporte e saúde”. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes do Concello de Pontevedra, Agustín Fernández, apuntou que esta xornada consolida a vinculación da cidade co deporte “ademais de ser outro paso máis nesta teima de crear sinerxías con outras institucións como a Universidade, fundamentais para seguir avanzando nestes tempos de limitacións económicas”.

Saídas laborais para o alumnado do campus

Dende a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte existe “unha predisposición total” para que esta colaboración se amplíe e se consolide xa que se detectou a demanda de profesionais formados neste eido “o que se converte nun nicho laboral moi interesante para o noso estudantado de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que pode optar por este campo de especialización”, salientou Viaño. Así, a vicerreitora deixou abertas as portas a futuras cooperacións coas federacións galega e española de tenis “co obxectivo de establecer convenios marco para o desenvolvemento profesional do noso alumnado”, engadiu Viaño, idea que a Federación Galega ve “con moi bos ollos”.

As xornadas comezarán cun acto inaugural encabezado pola vicerreitora do campus para dar paso ao panel de máis de dez expertos procedentes de España e Portugal. Tal como aclarou Ronaldo Álvarez, membro do comité da Federación Galega de Tenis, o simposio ten un marcado acento académico, dirixido especialmente a técnicos e xogadores profesionais de tenis, aínda que aberto a todo o público. A piques de pechar a lista de inscrición, teñen preto de 60 asistentes que escoitarán as achegas de representantes dos máis importantes departamentos de docencia do tenis, contando coa presenza de expertos como Miguel Crespo, coordinador da Federación Internacional de Tenis; Jaime Fernández, “eminencia na preparación física na alta competición”; Josep Campos, membro da Federación Catalana ou David Sanz, en representación da Federación Española. “O desenvolvemento investigador neste deporte está moi ligado ás capacidades económicas das federacións e é un núcleo moi pechado, polo que a Universidade pode axudar moito no labor divulgativo”, concluíu Álvarez.