DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este venres deuse a benvida aos 282 que estudarán en Vigo

A Universidade comeza curso con 381 alumnos estranxeiros na súas aulas

No acto presentouse unha recompilación de contos galegos en catro idiomas

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 03/10/2008

Nun curso marcado pola implantación dos primeiros graos adaptados ao Espazo Europeo da Educación Superior, a Facultade de Filoloxía e Tradución acolleu hoxe o acto de benvida aos 282 alumnos estranxeiros que este curso van estudar nalgún dos centros do campus de Vigo. A eles hai que sumar 58 no campus de Ourense e 41 no de Pontevedra, en total 381 estudantes que elixiron a institución viguesa para levar a cabo as súas experiencias de intercambio.
Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, foi o primeiro en desexarlles unha boa estancia e felicitalos pola súa elección. Acompañárono os responsables de diferentes servizos da institución que lles presentaron a oferta formativa e de lecer para este curso. Dende cursos de cultura galega e excursións a diferentes áreas da nosa xeografía ata música, obradoiros, exposicións ou deportes foron algunha das actividades que se expuxeron para que os estudantes foran enchendo as súas axendas.
Como parte da acollida tivo tamén lugar un recital de contos tradicionais galegos en inglés, francés, castelán e galego. Foi a presentación pública do volume Contos de ida e volta, elaborado ao abeiro do Proxecto Ronsel de inventario, salvagarda e posta en valor do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia.

Alemaña e Italia, principais países de orixe

Con Alemaña e Italia ao fronte como principais países de orixe con arredor de sesenta estudantes cada un, séguenlle nacionalidades coma Polonia con 44, Francia con 38 ou Portugal con 34. Outros países coma o Reino Unido con 18, a República Checa con 15, Bélxica con 14 ou Turquía con 12 completan a lista das principais nacionalidades das que proveñen estes mozos.
Pese a que maioritariamente son bolseiros Erasmus, hai 64 estudantes que proveñen doutros programas. Veñen de países coma Arxentina, Brasil, Chile, Estados Unidos, México, Marrocos ou estados tan afastados coma Irán.
No referido aos seus destinos dentro do campus, a Facultade de Filoloxía e Tradución aséntase como a gran receptora de estudantes estranxeiros, acollendo case o 50% dos alumnos que elixiron os centros vigueses. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a Escola Técnica Superior de Enxeñaría Industrial son outros dos centros que contan con máis estudantes estranxeiros entre o seu alumnado.

Ansiosos por coñecer xente nova

As gañas de coñecer xente nova e de aprender e mellorar nun idioma estranxeiro, son o punto común que unen a maior parte das historias destes estudantes. Maioritariamente levan xa un par de semanas na cidade e a primeira valoración é moi positiva, “a xente é moi simpática e todo momento nos sentimos benvidos”, comentaban Ludivine Dubois e Emilie Giovannini, dúas estudantes de Filoloxía e Tradución chegadas de Francia. “Eleximos Galicia porque consideramos que a cultura galega é moi similar a da Bretaña francesa”, continúan. “Ademais, aquí hai moitas facilidades para aprender tamén portugués, moi semellante ao idioma que falades aquí”, engade unha das súas compañeiras, Florianne Le Pen.
Pese a levar pouco tempo aquí, a gran maioría xa visitaron as Illas Cíes, “un lugar realmente fermoso que deixa coa boca aberta a calquera”, sinalaba a estudante alemá Julia Goloskin. “De feito poder ver e ter o mar tan de preto é unha das cousas que máis nos chama a atención”, engadía unha das súas compañeiras, Melanie Schmiolt.
Se ben algúns admiten algunhas dificultades á hora de facerse entender, a maioría chegan con bastantes nocións do idioma español ou mesmo dominándoo, caso por exemplo da estudante checa Hana Jandikova, que explica en perfecto castelán que leva “doce anos estudando o noso idioma e vivín xa unha época en Cataluña”. Ven cun compañeiro de clase, Michal Kusnierik, ambos estudan Español para Comercio Internacional, un título que non existe no noso mapa de titulacións, polo que aquí se matricularon en Filoloxía Hispánica. Os dous lles encanta Vigo, se ben, se queixan de que temos demasiada burocracia, “por exemplo, temos moitas tarxetas, unha para a biblioteca, outra para o autobús, outra, outra... no noso país hai unha única tarxeta universitaria para todo”.

Contos de ida e volta

Entre a múltiple documentación que lle foi entregada aos estudantes, recibiron tamén un exemplar da obra Contos de ida e volta, “unha escolma de contos tradicionais galegos traducidos aos vosos idiomas”, explicoulles Iván Area, coordinador xeral do Proxecto Ronsel.
Coordinado polo profesor Anxo Fernández Ocampo e Pablo Carpitenro, o volume recolle vinte e catro contos coa versión en galego, castelán, inglés e francés. “Viaxaron xa ao longo do tempo e agora, grazas a vós, viaxarán entre culturas”, sinalou no acto Mª Xesús López Escudeiro, delegada provincial da Concellería de Cultura e Deportes, unha das entidades financiadoras do proxecto. “Levades nel unha mostra dunha das cousas máis importantes que ten o noso país, o patrimonio inmaterial”, engadiu Mauro Cid, secretario xeral de Agader, Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, outra das entidades promotoras da iniciativa.
Aproveitando a presentación, leuse un conto en cada un dos idiomas dos que contén a obra.