DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade compensará a pegada de carbono do Trofeo de Carreiras de Orientación plantando 54 árbores

O evento xerou 4141 kg de CO2, o que supón unha media de 10 kg por asistente á carreira

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 19/06/2013
10 kg de CO2 por asistente. Esta é a pegada de carbono que deixa a o XII Trofeo Universidade de Vigo de Orientación celebrado o pasado 8 de xuño no campus universitario e no Parque Forestal de Beade. O Servizo de Deportes, en colaboración coa Asociación Galega de Clubs de Orientación, decidiu facer desta carreira o primeiro evento verde que se celebra na Universidade de Vigo e para iso calculouse a pegada ecolóxica do mesmo que será compensada en vindeiras datas coa plantación de 54 árbores autóctonas no campus.

Dado o carácter do evento, a principal fonde de emisións foi o transporte dos participantes e do público ao campus, polo que a través de enquisas, tentouse coñecer en que tipo de medio se desprazaron, dende onde e a ocupación de cadanseu vehículo. Os resultados amosan que froito deste evento se xeraron 4141 kg de CO2, o que representa unha media de 10 kg por asistente á carreira.

O obxectivo do Servizo de Deportes é, ademais de valorar o impacto deste evento deportivo, identificar as fontes principais de emisión e facer posible un seguimento temporal para comparar as emisións desta actividade con outras que se realicen no futuro. Cos resultados xa na man, agora queda por diante compensar esta pegada de carbono coa plantación das árbores correspondentes que fixarán o total das emisións nun período de dez anos.

Os vehículos diésel, os máis contaminantes

Os resultados amosan que polo tipo de actividade non existen fontes de emisión directas, senón que se trata de fonte indirectas correspondentes ao desprazamento dos participantes e espectadores. Os parámetros empregados paro cálculo consideran que un automóbil diesel emite 0.163 kg CO2/km; un de gasolina 0.178 kg CO2/km e un autobús 0.03 kg CO2/km*pasaxeiro. A partir das 123 enquisas respondidas, que corresponden a 191 asistentes (xa que nos datos dos desprazamentos nos coches particulares incluíase o índice de ocupación dos vehículos) obtívose tamén unha porcentaxe de modalidade de transporte, de xeito que o 4.7 % das persoas enquisadas viñeron en autobús, o 78,0 % en vehículo particular diésel e un 17.3 % en vehículo particular de gasolina. Polo tanto, os vehículos diésel son os responsables da maior parte da pegada do evento, xa que se as emisións totais derivadas do desprazamento dos enquisados foi de 1977.3 kg CO2, 59.3 kg CO2 corresponden ós desprazamentos en autobús, 1591.2 kg CO2 aos desprazamentos en coche particular diésel e 327,0 kg CO2 aos desprazamentos en coche particular de gasolina. Deste xeito, a media de emisións por asistente enquisado, asociada ás diferentes modalidades de transporte sería de 6.6 kg CO2/asistente en autobús, 10.7 kg CO2/asistente en coche particular diésel e 9.9 kg CO2/asistente en coche particular gasolina.

Dado que os datos oficiais de participación, facilitados polo persoal de organización, indicaron que a participación real foi dun total de 400 asistentes, a pegada estimada total calcúlase en 4141.3 kgCO2. Deles, ao autobús corresponden 124.3 kgCO2, ao vehículo diésel 3332.4 kgCO2 e ao de gasolina 4141.3 kgCO2.

Metodoloxía de cálculo

Para o cálculo da pegada de carbono empregouse unha metodoloxía de cálculo baseada na metodoloxía establecida no Protocolo de Gases de Efecto Invernadoiro (GHG Protocol), desenvolvido polo World Resources Institute (WRI) e o World Business Councifor Sustainable Development (WBCSD). Este é un dos estándares internacionais de recoñecido prestixio máis empregados para a determinación e reporte da pegada de carbono de empresas e organizacións e, ademais, é a metodoloxía que emprega a Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo para a determinación da pegada ecolóxica da institución no seu conxunto.