DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reitor e vicerreitor mantiveron unha xuntanza co alcalde e a concelleira da área

Universidade e Concello analizan as necesidades do campus

Abordaron a posibilidade de novos espazos ante o obxectivo de ampliar a oferta académica

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 20/06/2019

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, realizou este xoves unha visita institucional ao Concello de Pontevedra onde, acompañado polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, mantivo unha reunión co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira responsable da área de Universidade, Gloria Blanco. Neste encontro, os representantes destas dúas administracións abordaron diversos temas relativos ao campus e á cidade, como a necesidade de novos espazos ante a intención da institución académica de ampliar a oferta académica de Pontevedra con novos graos, unha vez se abra de novo o mapa de titulacións do Sistema Universitario Galego. De aí que, segundo informou o Concello, nesta xuntanza se analizasen as posibilidades edificatorias dos terreos que a Universidade ten na cidade.

Colaboración co Green Campus e melloras na sinalización

Nesta xuntanza, o reitor confirmou así mesmo a aposta da Universidade polo grao en Deseño e Creación, que se proxecta implantar no campus no curso 2020-2021, así como o impulso e o desenvolvemento do proxecto Green Campus. Os responsables da institución académica incidiron neste encontro en que Pontevedra é o único campus que conta en España coa bandeira que outorga a FEE (Foundation for Environmental Education), a través da asociación ADEAC, e solicitaron a colaboración do Concello, que podería participar en decisións como diminuír o ruído na avenida de Compostela. 

Por outra banda, Reigosa e Soto solicitaron unha mellor sinalización do campus, así como a posibilidade de abrir este espazo ao río Lérez, empregando a canle da illa do Cobo para instalar un embarcadoiro que poida empregarse para deportes náuticos.

Na reunión estivo presente tamén a nova concelleira responsable de Universidade, Gloria Blanco, que asegurou que a xuntanza foi “moi produtiva” e confimou que este primeiro contacto continuará nos vindeiros meses con máis reunións bilaterais.