DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co III Seminario sobre Cooperación Territorial, primeira acción organizada polas dúas institucións

Universidade e Concello de Cambados alíanse para dar pulo ás eurorrexións ibéricas

O reitor avanzou que tamén desenvolverán conxuntamente actividades específicas do Campus do Mar na r

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 13/04/2012

A Universidade de Vigo e o Concello de Cambados deron este venres un paso máis na súa estratexia de colaboración conxunta coa inauguración do III Seminario Internacional sobre Cooperación Territorial, que se converte na primeira actividade promovida polas dúas institucións. “Este encontro é unha mostra de que a colaboración se vai concretando e que irá en aumento”, sinalou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, na apertura do curso na que tamén estivo o alcalde Luis Aragunde que agradeceu o achegamento da institución viguesa “aos concellos máis pequenos, que tamén queren coñecer de preto as actividades e programas universitarios e formar parte deles”, engadiu. Este encontro, organizado pola Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade, reúne aos principais expertos nacionais sobre cooperación territorial que debaterán entre hoxe e mañá sobre as relacións transfronteirizas de Galicia, Cataluña e Euskadi para propor estratexias axeitadas ao novo marco normativo e financeiro 2014-2020 da UE.

O reitor destacou que unhas das prioridades da Universidade é aproximarse á súa cidadanía “e non só á dos lugares onde ten os seus campus, senón tamén ao seu distrito. Somos a Universidade do sur de Galicia, por tanto a comarca do Salnés ten unha Universidade, e por suposto é a de Vigo”. O alcalde de Cambados amosou o seu compromiso con esta colaboración “na que o concello pode achegar recursos e infraestruturas e a Universidade coñecementos” e que pode converterse “nun auténtico matrimonio que espero que dure moitos anos”, apuntou o rexedor.

O III Seminario Internacional sobre Cooperación Territorial marca o inicio dunha serie de proxectos comúns entre as dúas institucións que terán continuidade no mes de maio cunhas xornadas dedicadas a análise da gobernanza no mar. O reitor tamén aproveitou para anunciar que a Universidade desenvolverá no concello actividades específicas da man do Campus do Mar “de grande interese para o concello, dado o seu potencial marítimo”. Aínda que se concretarán en próximas reunións, Mato adiantou que serán accións “de utilidade” dirixidas á cidadanía, aos estudantes e ás empresas da comarca “como axudas á mobilidade ou becas específicas para os alumnos e alumnas desta rexión”, exemplificou.

Análise de tres casos de cooperación transfronteiriza ibérica

Desta volta, Cambados reúne aos principais expertos na materia da cooperación transfronteiriza das universidades do País Vasco, Autónoma de Barcelona e Vigo e que forman parte de Recot, Red de Investigación de Cooperación Territorial, que naceu en 2007 co fin de crear sinerxías no eido da investigación. Durante os dous días do seminario, os participantes analizarán dende unha óptica local a Europa, “xa que non só forma parte da gobernanza dos asuntos mundiais, senón que tamén ten en conta as realidades cotiás dos seus cidadáns da fronteira”, describiu o reitor.

O programa do encontro comezou cunha primeira sesión sobre a Eurorrexión Pirineos-Mediterráneo, na que interviron os profesores Francesc Morata e Antoni Durá i Guimerá, da Universitat Autónoma de Barcelona. A continuación celebrouse unha segunda sesión que tivo como protagonista á AECT Euskadi-Aquitania e na que debateu José Luis de Castro Ruano e Francisco Letamendía, da Universidad del País Vasco. O encontro rematará o sábado 14 de abril coa análise da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal da man de Argimiro Rojo e de Enrique José Varela, profesores da Universidade de Vigo.