DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario que se celebra o 13 e 14 de abril promovido pola Área de Ciencia Política e da Adminis

Universidade e Concello de Cambados reúnen a expertos nacionais en cooperación transfronteiriza

Estas xornadas marcan o inicio de colaboracións futuras entre as dúas institucións

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 11/04/2012

Nas políticas de cohesión da Unión Europea, a cooperación transfronteiriza segue a ser unha das súas prioridades, o que a converte nunha liña estratéxica de atracción de recursos “a ter en conta” polos axentes políticos e sociais de Galicia e do Norte de Portugal. Dada a relevancia desta colaboración entre territorios, a Área de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo, co apoio do Concello de Cambados, organizan o III Seminario Internacional sobre Cooperación Territorial, no que os principais expertos da materia analizarán, entre o 13 e o 14 de abril, as relacións transfronteirizas de Galicia, Cataluña e Euskadi para propor estratexias axeitadas ao novo marco normativo e financeiro 2014-2020 da UE.

Este seminario, presentado este mércores polos seus organizadores, os profesores Álvaro Xosé López Mira e Celso Cancela e polo alcalde de Cambados, Luis Aragunde, marca o inicio dunha liña de colaboracións entre a Universidade e o concello, “sendo este curso a primeira doutras actividades que se van a levar a cabo máis adiante neste lugar” expresou López Mira, que tamén aproveitou para agradecer publicamente a predisposición mostrada pola alcaldía cambadesa “xa que todas as propostas que a Universidade lle fixo, tiveron unha excelente acollida”. Así mesmo, este curso é unha mostra da política de achegamento da institución viguesa á súa contorna local “co fin de dar a coñecer a súa oferta formativa nos arredores”, engadiu López Mira.

Moitas novidades a debate

Segundo expresou o profesor Celso Cancela, este curso celébrase “nun contexto inmellorable” tras os últimos avances producidos no eido da cooperación transfronteiriza. Dende a celebración da segunda edición do seminario en 2009 no País Vasco, creáronse as Axencias Europeas de Cooperación Territorial (AECT) de Galicia-Norte de Portugal, de Cataluña-Pirineos e máis recentemente, en 2011, de Euskadi-Aquitania, “organismos que lle dan cobertura xurídica á cooperación transfronteiriza e que supoñen un gran paso adiante nesta política de colaboración”, apuntou Cancela. O profesor fixo fincapé na necesidade de analizar e visibilizar este tipo de avances “históricos” xa que “en moitos casos non somos conscientes das melloras e facilidades que producen no día a día da poboación que vive nas fronteiras”. Durante os dous días de encontro, ademais de debater sobre o percorrido das tres AECT, os asistentes tamén afondarán nas liñas de actuación definidas polas políticas europeas “para comprobar se as rexións están traballando en consonancia co que demanda a Comisión”, sinalou o profesor.

Este seminario contará cos principais expertos na materia das universidades do País Vasco, Autónoma de Barcelona e Vigo e que forman parte de Recot, Red de Investigación de Cooperación Territorial, que naceu en 2007 co fin de crear sinerxías no eido da investigación. “Trátase dunha rede que nos visibiliza e nos pon en relación con outras universidades, co obxectivo de desenvolver en conxunto proxectos internacionais que inclúan ao mesmo tempo a centros franceses, italianos e portugueses”, apuntou o profesor López Mira.

Tras a benvida do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e do alcalde de Cambados o venres 13 de abril, o programa do encontro comeza cunha primeira sesión sobre a Eurorrexión Pirineos-Mediterráneo, na que intervirán os profesores Francesc Morata e Antoni Durá i Guimerá, da Universitat Autónoma de Barcelona. A continuación celebrarase unha segunda sesión que terá como protagonista á AECT Euskadi-Aquitania e na que debaterán José Luis de Castro Ruano e Francisco Letamendía, da Universidad del País Vasco. O encontro rematará o sábado 14 de abril coa análise da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal da man de Argimiro Rojo e de Enrique José Varela, profesores da Universidade de Vigo.