DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O certame ‘Arte no Morrazo’ concede unha bolsa de 3000 euros para estudar na Facultade de Belas Arte

Universidade e Concello de Cangas únense para promocionar o novo talento artístico

O prazo de presentación de obras permanecerá aberto ata o vindeiro 9 de maio

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijóo DUVI 16/03/2012

O Plan Boloña destaca a importancia de ofrecer unha aprendizaxe ao longo da vida. Conscientes desta necesidade, a Universidade de Vigo e o Concello de Cangas únense para impulsar a formación continua no eido artístico a través dunha bolsa de estudos de 3000 euros que se concederá a un dos premiados do certame Arte no Morrazo para cursar un posgrao na Facultade de Belas Artes. “A Universidade ten que estar presente na realidade da súa contorna e que mellor forma que cunha colaboración na que se incentive a formación”, sinalou Antonia Blanco, vicerreitora do campus de Pontevedra tras asinar o convenio co alcalde do concello, José Enrique Sotelo.

Esta concesión, financiada polo concello cangués e pola empresa Frigoríficos do Morrazo, facilita que titulados e tituladas no eido das artes poidan dilatar a súa etapa formativa e impulsar as súas carreiras profesionais, “un compromiso no que as institucións deben afondar para dar un pulo aos novos talentos nestes momentos de dificultade económica”, apuntou o concelleiro de Cultura, José Luis Gestido. Pola súa banda, o impulsor deste convenio, Juan Carlos Meana, decano da Facultade de Belas Artes, destacou a “sensibilidade” que amosou o concello coa iniciativa “asumindo unha remodelación nas bases do certame” así como o compromiso do sector empresarial coa práctica artística "co obxectivo de amosar como a creación pode estar ligada ao campo da innovación industrial e empresarial", engadiu a vicerreitora.

A Facultade de Belas Artes seleccionará ao candidato

A concesión definitiva desta bolsa de estudos quedará nas mans da Facultade de Belas Artes, “que xa leva colaborando co certame en materia de asesoramento dende hai anos”, apuntou Camilo Camaño, técnico de Cultura do concello. Este premio vai dirixido expresamente a persoas tituladas en estudos superiores “con capacidade de acceder ao estudos de mestrado ou de posgrao que se ofertan na facultade pontevedresa”, aclara Meana, e especialmente a aqueles que residan no Morrazo, “unha cláusula preferente pero non vinculante”, puntualizou Camaño. Todos os interesados e interesadas nesta bolsa de estudos deberán adxuntar coa obra presentada unha fotocopia do DNI, un currículo co expediente académico dos estudos de grao ou licenciatura cursados e un escrito de motivación no que se expoña o seu interese por ampliar a súa formación. A comisión académica do centro será a responsable de avaliar a súa candidatura de acceso “segundo o procedemento habitual de ingreso aos posgraos”, comentou o decano.

Esta axuda formativa completa a lista de premios concedidos polo Concello de Cangas e pola empresa Frigoríficos do Morrazo, dotando con 3000 euros a cada unha das tres obras que seleccionen entre todas as presentadas ao certame e que pasarán a formar parte dos fondos de arte dos patrocinadores. Un xurado presidido polo concelleiro de Cultura escollerá os tres traballos gañadores desta vixésima edición do certame, que se celebrará dende o 8 de xuño ata o 20 de xullo na sala de exposicións do concello. Todas as persoas interesadas que queiran participar teñen de tempo ata o 9 de maio para presentar as súas obras no Auditorio Municipal de Cangas.

Comezo de colaboracións futuras

Tanto a vicerreitora do campus como o concelleiro de Cultura aproveitaron este encontro para adiantar a futura sinatura doutro convenio de colaboración entre ambas institucións no que se concreten liñas de actuación conxuntas tanto no eido da cultura como do deporte “co fin de materializar e impulsar esta estreita cooperación entre Universidade e concello”, declararon.