DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Xardín das Lagoas terá unha superficie aproximada de 50.000 metros cadrados

A Universidade e o Concello de Ourense suman esforzos para construír no campus o maior parque da cidade

As obras do proxecto estarán adxudicadas no prazo máximo dun mes

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Raquel Feijóo DUVI 10/05/2010

Terá unha superficie aproximada de 50.000 metros cadrados e vai estar situado preto do campo de fútbol-rugby e das pistas de atletismo, o que conformará un proxecto unificado e un conxunto de gran valor espacial e natural duns 70.000 metros cadrados. Estas son as características do Xardín das Lagoas, un proxecto avalado pola Universidade de Vigo e o Concello de Ourense que permitirá ter no campus o parque máis grande da cidade xa que, como recoñeceron o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago e o alcalde de Ourense, Francisco Rodríguez no acto de sinatura do convenio entre ambas as dúas institucións para a posta en marcha da iniciativa, “na actualidade non existe ningún referente de tal magnitude na cidade”.
O importe total das actuacións ascende a 980.000 euros dos que o Concello achegará 300.000 e a Universidade os 680.000 euros restantes. O proxecto adxudicarase no prazo máximo dun mes a algunha das 12 propostas presentadas a concurso. As obras do parque comezarán, previsiblemente, no mes de xuño e rematarán a comezos do ano que vén o que permitirá ter no campus o parque público máis grande da cidade. Precisamente esta característica foi subliñada polo reitor Gago na súa intervención na que asegurou que alí, nese parque, estaremos todos, dende estudantes e deportistas, ata nenos e persoas maiores para gozar do tempo de lecer nun espazo de máxima calidade”. Unha liña argumental defendida tamén polo alcalde da cidade que definiu o proxecto como “unha iniciativa moi positiva para todos os ourensáns”.

A Porta de Galicia como proxecto de futuro

O parque forma parte do proxecto de reordenación do campus A Porta de Galicia, unha iniciativa promovida pola Universidade e auspiciada polo Concello de Ourense que reformula a relación entre a cidade e a Universidade en todos os seus aspectos, ao propor a integración de usos urbanos e empresariais no recinto universitario e a creación de espazos de encontro e transición. Tanto Alberto Gago como Francisco Rodríguez subliñaron nas súas respectivas intervencións a importancia deste proxecto. O reitor fixo fincapé na necesidade de “protexer e impulsar” a iniciativa nun esforzo conxunto no que están implicados tamén os dous candidatos a reitor nas eleccións do 20 de maio, que xa amosaron o seu apoio ao plan. O alcalde de Ourense, pola súa banda, subliñou do proxecto a posibilidade que brinda de reforzar aínda máis os lazos que unen á Universidade coa cidade. Segundo as súas palabras, “o goberno municipal tomou a decisión de participar nese proxecto co obxectivo de facer da Universidade unha peza fundamental do novo desenvolvemento urbano”, sinalou.
Alberto Gago e Francisco Rodríguez asinaron un segundo convenio de colaboración que permite o recoñecemento de créditos de libre elección para os cursos que organice o Concello. A iniciativa permitirá o recoñecemento académico das diferentes actividades formativas que organiza a institución municipal nos eidos da educación, a cultura, o deporte, a promoción económica e o emprego, o termalismo e o turismo, entre outros sectores.

Visita protocolaria de despedida

Alberto Gago aproveitou a sinatura dos convenios para despedirse formalmente do alcalde de Ourense e do seu equipo de goberno, “dos que sempre recibín un trato afable e afectuoso e onde sempre foron ben escoitadas as nosas iniciativas”. O reitor subliñou tamén que o seu sucesor no cargo “vai ter no Concello un socio privilexiado para traballar en Ourense”. O alcalde de Ourense, pola súa banda, cualificou o mandato de Gago á fronte da Universidade de Vigo como “moi positivo” porque, segundo sinalou, “pasamos de vivir de costas a ser socios na construción dun mesmo proxecto de cidade”. Francisco Rodríguez agradeceu a Gago e ao seu equipo “unha xestión que soubo estimular o recoñecemento mutuo entre Ourense e a súa Universidade”, declarou. Ao acto protocolario de despedida asistiron tamén o vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez e o director xeral de Promoción Económica e Emprego do Concello, José Ángel Vázquez Barquero.