DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e o concelleiro de Deportes asinaron un convenio de colaboración entre as dúas institucións

A Universidade e o Concello de Ourense unen esforzos e recursos para fomentar o deporte

A iniciativa permitirá o uso compartido das instalacións universitarias e a súa dotación

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 16/12/2011
O campus de Ourense conta cunhas instalacións deportivas que polas súas características e ubicación no centro da cidade son atractivas non só para a comunidade universitaria senón tamén para a cidadanía de Ourense e especialmente para os seus deportivas e equipos. Para optimizar o seu uso e fomentar a práctica do deporte na cidade e a súa contorna, a Universidade de Vigo e o o Consello Municipal de Deportes de Ourense veñen de asinar este venres un convenio de colaboración entre as dúas institucións. A iniciativa permitirá o uso compartido das instalacións universitarias e mellorar a súa dotación.

Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Xosé Fernando Varela, concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, foron os encargados de asinar o convenio nun acto ao que tamén asistiu María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Luís Tros, secretario do Consello Municipal de Deportes. “Este convenio é froito dun traballo de cooperación intelixente e constante entre a Universidade e o Concello de Ourense que contribuirá a desenvolver o potencial enorme que ten este campus e Ourense no seu conxunto no eido do deporte”, destacou Salustiano Mato.

O reitor quixo salientar a importancia de, a través neste caso do deporte, de que a Universidade se mesture coa sociedade na que se insire “compartindo instalacións, capacidades humanas e obxectivos”. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes de Ourense apuntou que a clave para entender este convenio está “na colaboración institucional e no aproveitamento de recursos” e destacou as oportunidades que ofrecen para os cidadáns e deportistas de Ourense as medidas acordadas neste convenio en canto a dispoñibilidade e dotación das instalacións universitarias.

Accións concretas

Concretamente, o convenio contempla un uso compartido e racional das instalacións deportivas universitarias, como son as pistas de atletismo e tenis, o campo de fútbol e rugby e o pavillón polideportivo. Tamén fomentará a práctica deportiva entre a comunidade universitaria e a cidadanía ourensá con posibles accións crear escolas deportivas que permitan formar persoas en distintas modalidades deportivas; fomentar a práctica do atletismo, tenis, rugby, fútbol e outras modalidades deportivas e potenciar a presenza de estudantes da Universidade de Vigo nas distintas entidades deportivas do termo municipal que participen en competicións oficiais. Do mesmo xeito, o Consello Municipal de Deportes poderá empregar as instalacións deportivas do campus universitario para a celebración de adestramentos e para a disputa de encontros oficiais.

En termos económicos, o Consello Municipal de Deportes colaborará na dotación das instalacións universitarias con equipamento deportivo de atletismo con homologación da Asociación Internacional de Federacións de Atletismo, aportando a cantidade de 70.000 euros á Universidade de Vigo durante a vixencia deste convenio, que se estenderá ata o 30 de xuño de 2013. A esta cantidade a Universidade de Vigo engadirá 23.334 euros durante o mesmo período.

Consello de Campus

Trala sinatura deste convenio celebrouse o Consello de Campus de Ourense. Nel, o reitor informou aos seus membros do calendario dos primeiros pasos do proxecto do Campus da Auga. “Agardamos presentar o plan estratéxico do Campus da Auga á comunidade universitaria a finais de xaneiro ou principios de febreiro de 2012”, destacou Salustiano Mato. Esa presentación, na que se explicará a metodoloxía que seguirá o deseño e execución do proxecto, permitirá aos centros e grupos de investigación ourensáns comezar a implicarse na construción do proxecto do Campus da Auga.

Outros dos asuntos sobre os que o reitor informou ao Consello de Campus foi a reunión este xoves en León da Conferencia de Reitores da Macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo que agrupa a Galicia, Castela e León e a rexión Norte de Portugal. Salustiano Mato quixo transmitir aos membros do Consello as posibilidades que ofrece este marco para a Universidade de Vigo e concretamente para o campus de Ourense. En concreto, salientou que Ourense pode ter un papel importante en liñas estratéxicas da macrorrexión como son a auga, a alimentación, o patrimonio, a lingua ou o turismo.