DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os terreos de Tafisa centraron a reunión mantida este luns por alcalde e reitor

Universidade e Concello de Pontevedra avanzan na cesión da parcela que acollerá as facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública

Unha vez completados os trámites, a previsión que é o edificio poida estar construído en cinco anos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 16/10/2023

Universidade de Vigo e Concello de Pontevedra avanzaron este luns nos trámites para a cesión á institución académica dunha parcela de 20.000 metros cadrados nos terreos que antigamente ocupaba Tafisa, onde a UVigo prevé construír o edificio que albergue as facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública. Segundo anunciou o reitor, Manuel Reigosa, a previsión é que esta infraestrutura poida construírse nun período de cinco anos, unha vez formalizada a cesión destes terreos a través dun convenio abordado este luns nunha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Neste encontro participaron tamén a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón; o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez; e o concelleiro de Educación, Demetrio Gomez.

Como un trámite “relativamente urxente, pero sobre todo prioritario á hora de establecer o campus de Pontevedra do futuro” definiu Reigosa a cesión desta parcela, que contaría con 14.000 metros edificables e outros 6000 destinados a zonas verdes. “Para nós é unha enorme satisfacción que o campus de Pontevedra poida medrar”, engadiu o reitor, que amosou o seu desexo de que “nun prazo razoable poidamos construír ese edificio”. Concretamente, explicou que, unha vez se faga efectiva a cesión desta parcela, a previsión sería poder contar con este equipamento nun prazo de aproximadamente cinco anos, un para o concurso de ideas e outros catro para a propia construción.

Nese senso, a xuntanza deste luns permitiu abordar os “atrancos de tipo técnico-xurídico” existentes para completar o proceso. A este respecto, Fernández Lores precisou que a “vía máis razoable e máis rápida” sería ceder os terreos á Universidade “como administración responsable dos equipamentos docentes”, á vez que subliñou que o campus “é un activo fundamental” para Pontevedra. O alcalde lembrou que, hai anos, xa houbera un acordo de cesión previo para a construción do que ía ser o Edificio das Artes, un proxecto desbotado posteriormente polo seu “elevadísimo custo”, como recoñeceu Reigosa, que explicou que a idea actual é “unha actuación máis consonte cos tempos que corren”, un edificio “máis pequeno” para o que se contaría coa dotación do plan de infraestruturas da Xunta de Galicia para o sistema universitario galego. 

Hospital Provincial e residencia universitaria

Tras a reunión, Reigosa e Lores abordaron en rolda de prensa tanto a cesión dos terreos de Tafisa como outras cuestións relativas ao futuro do campus, como a proposta da Xunta de Galicia de destinar a usos universitarios o Hospital Provincial unha vez completadas as obras de ampliación de Montecelo. A este respecto, o reitor subliñou que polo de agora só houbo “unha consulta” sobre se a UVigo estaría interesada neste edificio, a que, “despois de pensalo, dixen que si”, xa que permitiría á institución académica, explicou, “estar fisicamente no centro da cidade”.

“Por agora non hai nada falado, nin decidido”, engadiu Reiosa, que explicou que, no caso de concretarse esta cesión, contemplaríase a posibilidade de trasladar a Facultade de Fisioterapia ao hospital, onde prevé tamén que poida continuar a Escola Universitaria de Enfermaría. Esta última é polo de agora un centro adscrito á UVigo, mais está en marcha, lembrou, o proceso de creación da futura Facultade de Enfermaría e o obxectivo é que no curso 2024/2025 o alumnado de novo ingreso poida iniciar os seus estudos xa nun título propio da UVigo. Deste xeito, engadiu o reitor, o hospital sería sede das dúas facultades do ámbito de Ciencias da Saúde existentes no campus, unha proposta “compatible cos outros usos” propostos por administracións como o Concello, que avoga porque o edificio manteña usos sociosanitarios. Reigosa recoñeceu que de acometerse o traslado de Fisioterapia sería necesaria “unha remodelación” do uso dos espazos do campus da Xunqueira, máis recalcou tamén que “estaríamos a falar de dentro de moitos anos”. 

Por outra banda, o reitor subliñou que polo de agora “non hai ningún prazo” nin emprazamento previsto para a construción dunha residencia universitaria. Esta instalación, explicou, non estaba inicialmente recollida “no noso plano estratéxico”, mais tanto os prezos do aluguer como o “atractivo” das titulacións do campus fan “obvio que precisa unha residencia universitaria para o seu mellor desenvolvemento no futuro”. A isto súmase o interese que o alumnado mostrou por este equipamento nunha enquisa realizada recentemente pola Vicerreitoría, o que fai, engadiu, “que nos poñamos a traballar para iso, pero sen horizonte temporal”.

Tamén no referido ao futuro do campus, Reigosa recalcou que o obxectivo nas negociacións do novo mapa de titulacións que comezarán o vindeiro ano, poida acadarse “algún tipo adicional novo para Pontevedra”, ligado ao proxecto de especialización Campus Crea. Por outra banda, nesta reunión abordáronse tamén os trámites para lograr a desafectación de determinados edificios, como Fisioterapia, afectados pola Lei de Costas.