DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor e a nova vicerreitora reuníronse co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores

Universidade e Concello de Pontevedra reafirman a súa vontade de colaborar no crecemento do campus

A cesión dos terreos da antiga Tafisa foi un dos eixos da xuntanza 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Pontevedra 29/08/2022

Tras ser reelixido reitor da Universidade de Vigo o pasado mes de maio, Manuel Reigosa mantivo este luns a súa primeira xuntanza neste mandato co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, na que participaron tamén a nova vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez, ademais da concelleira de Cultura, Carme Fouces. O obxectivo desta reunión, como explicaron ao seu remate, foi tanto abordar diferentes “temas pendentes” entre ambas institucións como novas vías de colaboración ligadas ao futuro dun “dos campus galegos que ten máis éxito na captación de alumnado”, segundo sinalou Reigosa. Entre os diferentes asuntos abordados, tanto o reitor como a vicerreitora puxeron o acento na importancia que ten para o futuro do campus a construción dun novo edificio modular, nos terreos da antiga Tafisa, que albergará as facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública.

Tras agradecer a “receptividade que sempre amosa o Concello con nós”, Reigosa salientou que o propósito desta xuntanza era trasladar a Fernández Lores “as aspiracións” da UVigo para os próximos catro anos, “que en grande medida teñen que ver con novidades, tanto no tema de titulacións como de espazos”. O alcalde pola súa banda, destacou que o propósito deste encontro era tanto “dar a benvida” á nova vicerreitora como pór de relevo a vontade da institución municipal de “manter a relación de colaboración coa Universidade”. Nese senso, Fernández Lores salientou a importancia que ten para a cidade un campus que “ten que seguir medrando” e reclamou que as novas titulacións que poidan sumarse á súa oferta académica encaixen co proxecto de especialización do Campus Crea. 

O novo edificio, peza clave no crecemento do campus

No referido ao futuro do campus, Lantarón sinalou tamén a “necesidade de crecer”, que fai que cesión por parte do Concello da parcela de Tafisa sexa "unha prioridade para nós". Como apuntou Reigosa, a institución académica prevé que no curso 2023-2024 poida comezar a impartirse o novo Grao en Deseño, que inicialmente terá como sede o edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal. Mais o “obxectivo final” é que o edificio modular que se constrúa en Tafisa integre tanto a Facultade de Deseño, á que se adscribirá tamén o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, como a Facultade de Dirección e Xestión Pública, respecto da que Reigosa amosou o seu optimismo de cara a que poida atraer “moito alumnado internacional, tanto a través da formación presencial como non presencial”. 

Para facer posible a construción deste edificio será precisa previamente, como explicou Fernández Lores, a modificación do convenio para a cesión da parcela, na que se atopan actualmente traballando, xa que o asinado inicialmente “hai bastante tempo” recollía “especificamente” que a parcela destinaríase á construción dunha nova Facultade de Belas Artes. Como sinalou o alcalde, neste momento “as necesidades da Universidade son diferentes”, de tal xeito que Belas Artes continuará no seu actual emprazamento, mentres que en Tafisa proxéctase un “proxecto modular” que, ademais das dúas facultades, permitiría tamén no futuro “acoller novas titulacións” e para o que a Universidade contaría co financiamento que a Xunta achegará ás universidades galegas para novas infraestruturas, ao que se poderían sumar “os fondos europeos que poidan vir”.  

Outros proxectos e novas colaboracións

Outra das cuestións abordadas foi o proxecto de construción dunha pantalla de madeira na avenida de Compostela, dirixida mitigar a contaminación acústica, no que se atopa actualmente traballando a Escola de Enxeñaría Forestal, ao abeiro dun convenio coa Xunta. “Vai estar baseada fundamentalmente en madeiras locais e o que se vai facer é un estudo para ver a capacidade de illamento sonoro que teñen distintos materiais”, salientou Reigosa, quen preveu que estes traballos poidan completarse no prazo dun ano. O reitor abordou tamén nesta xuntanza o proxecto de ampliación da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, “que está quedando pequena”. Por outra banda, apuntou Fernández Lores, a reunión serviu para acordar a colaboración da institución académica co Concello en cuestións como a organización de talleres na Casa das Campás dentro da Placemaking Week ou as iniciativas “de divulgación das mulleres na ciencia” que promove en febreiro. Así mesmo, outra das cuestións que se puxo sobre a mesa foi a cesión de parcela de entrada ao campus para a construción dun skate park, “para a que temos que modificar algunhas cousas do convenio inicial”, explicou Fernández Lores.