DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 250 estudantes de Primaria desenvolven traballos de investigación no programa ‘Ponteencienci

Universidade e Concello promoven o bautismo científico dos escolares

Os proxectos realizados a proposta das facultades do campus serán expostos na 'Feira da Miniciencia'

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 14/03/2014

Dun xeito didáctico e divertido, máis de 250 alumnos e alumnas de Primaria están a vivir a súa primeira experiencia no campo da investigación científica da man de Pontenciencia, un proxecto impulsado polo Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo, que trata de “espertar o interese científico dos escolares”, como salienta Antonia Blanco, vicerreitora do campus. Tralo desenvolvemento dunha serie de obradoiros sobre o método científico nos sete colexios participantes, os rapaces atópanse actualmente traballando nuns proxectos de investigación que parten das propostas formuladas polos comités científicos impulsados nas facultades do campus. O resultado final dos seus proxectos será exposto na Escola de Enxeñaría Forestal na Feira da Miniciencia coa que se porá peche a esta iniciativa.

A vicerreitora de campus de Pontevedra e o concelleiro de Educación, Agustín Fernández, presentaron este venres o proxecto que conta con financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade, que achegou preto de 12.000 euros a un “dos programas educativos máis singulares que se fan en Pontevedra” e que busca “converter aos escolares en pequenos científicos que proban e refutan hipóteses sobre campos de coñecemento relacionados cos estudos universitarios que se imparten no campus”, explicou Fernández.

Ponteencia botou a andar hai unhas semanas con diferentes obradoiros nos que se trasladaron aos nenos unha serie de conceptos básicos relacionados coa investigación científica, que se desenvolveron ademais de nos colexios participantes, na sede da Federación Provincial das ANPAS de centros públicos de Pontevedra (FANPA), xa que este programa tamén está aberto á participación directa das familias. Por outra banda, nas facultades de Fisioterapia, Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes e na Escola de Enxeñaría Forestal creáronse comités científicos formados por docentes e investigadores, que elaboraron 18 propostas temáticas para que os escolares poidan investigar “sobre temas tan variados como o crecemento das raíces, a erosión ou a contracción muscular”, apuntou Fernández.

Unha feira na que exhibir o traballo realizado

Os proxectos científicos nos que actualmente traballan os escolares, co asesoramento dos comités creados nas facultades, serán expostos na última fase deste programa, a Feira da Miniciencia que se desenvolverá a finais de maio ou comezos de xuño na Escola de Enxeñaría Forestal. Neste evento, a exposición dos traballos verase complementada cunha serie de actividades paralelas como a instalación dunha cúpula astronómica, espectáculos de maxia e ciencia, a exposición de traballos realizados polo alumnado de Ciencias da Educación e do Deporte ou a proxección dos vídeos elaborados polo Laboratorio de Ecoloxía e Evolución da Universidade na iniciativa Divulgare.

Así mesmo, nesta feira tamén se outorgarán os premios aos mellores proxectos nas dúas categorías que comprende este programa educativo: Ciencia no Cole e Ciencia en Familia. Na primeira modalidade, o alumnado de sexto de Primaria optará a tres premios de 450, 300 e 218 euros, mentres que na segunda, dirixida aos nenos e nenas e as súas familias, os galardóns serán de 325, 225 e 118 euros. En ambos casos, tratarase de cheques agasallo para a compra de material escolar ou deportivo no comercio local.

Un proxecto de investigación froito da colaboración

Na presentación de Pontenciencia, Antonia Blanco subliñou que a “cultura de colaboración” entre a Vicerreitoría do campus e o Concello “xa está a dando os seu froitos” como é o caso deste programa, "un proxecto competitivo a nivel nacional”, que tivo acceso a fondos estatais e que constitúe unha “oportunidade de transferencia do coñecemento xerado na Universidade ás aulas”. Por iso, a vicerreitora incidiu no valor de “xerar sinerxías” entre a institución académica e as diferentes administracións, como un xeito de acceder a financiamento tanto estatal como europeo.

Tamén fixo énfase no positivo desta colaboración o concelleiro de Educación, para quen este tipo de iniciativas contribúen a “situar o campus nun lugar de referencia en Pontevedra”, e por iso animou á continuidade dunha “liña de colaboración, cooperación e integración dunha institución tan relevante como é a Universidade no corpo e no corazón dos pontevedreses”.