DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A administración local cederá uns espazos na residencia da ONCE para grupos de investigación

Universidade e Concello traballarán conxuntamente para dotar a Pontevedra dun centro de innovación

O reitor avoga por actualizar o proxecto do Edificio das Artes e acometelo de forma modular

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 04/06/2014

Un dos obxectivos fundamentais do Campus Crea, o proxecto de especialización do campus de Pontevedra é fortalecer os lazos entre a institución académica e a contorna empresarial na que se insire. Por ese motivo, “comezar a xerar polos de innovación na cidade” arredor das áreas de especialización xa definidas é unha das medidas que pretenden impulsar de xeito inmediato tanto a institución académica como o Concello. Así o salientou o reitor, Salustiano Mato, que nesta xornada mantivo un encontro co alcalde da cidade, Miguel Ánxo Fernández Lores, no que se puxo sobre a mesa a vontade de impulsar un “centro de innovación” vinculado ao tecido produtivo da comarca, así como o compromiso de levar adiante o proxecto do Edificio das Artes, que deberá actualizarse e acometerse de forma modular.

Tralo remate dunha reunión na que Mato estivo acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, o reitor puxo o acento no “valor engadido” que poderá achegar ao tecido socioeconómico da cidade e da comarca o proxecto do Campus Crea, “que queremos que supoña un antes e un despois, non só para a Universidade, senón tamén para Pontevedra”. Con esta meta, nos últimos meses realizáronse entrevistas a investigadores e a “persoas chave” do ámbito institucional e empresarial coa idea de “maridar as capacidades que temos no campus e as necesidades de Pontevedra” nun plan estratéxico que marcará a folla de ruta deste proceso.

O traballo comeza xa

Mais Mato deixou claro que non se agardará á conclusión dese documento para comezar a traballar en ámbitos específicos “que xa están claros”. Ese é precisamente o caso do deseño dun centro de innovación ligado ás catro áreas centrais do Campus Crea, a arte e a comunicación, o deporte e a saúde, a natureza e a educación e a xestión pública. A este respecto, Fernández Lores anunciou que nas próximas semanas ambas institucións manterán unha xuntanza coa Cámara de Comercio de Pontevedra e co Consorcio da Zona Franca de Vigo, na que tratarán de “buscar espazos para conectar a Universidade e o emprendemento”. Nunha primeira fase, esta iniciativa centrarase na definición dunhas infraestruturas concretas, que “a Universidade terá que dotar de contido”, a través de “sistemas de traballo en rede e de cooperación intelixente”, engadiu o reitor.

Ademais do centro de innovación, outro dos ámbitos nos que xa se “están dando pasos” no campus é o da internacionalización, mediante “o irmandamento dos nosos centros con universidades de referencia”. Ese é o caso da “experiencia piloto” do grao en Dirección e Xestión Pública, no que se ofrece a posibilidade de obter unha dobre titulación xunto coa Universidade de Sao Paulo, iniciativa que agora se traballa para estender tamén aos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga).

Convocatorias europeas para un edificio modular

Outro dos puntos abordados nesta reunión foi o convenio de cesión dos terreos de Tafisa á Universidade para o desenvolvemento do proxecto do Edificio das Artes. Un convenio que como Mato e Lores recoñeceron aínda ten pendente de definición algúns aspectos relativos aos prazos de execución. “O Concello esixe unhas datas de inicio e de remate que nestes momentos a Universidade, razoablemente, non pode darnos, porque a situación económica non é a de hai certos anos”, explicou o alcalde antes de reafirmar que o proxecto segue adiante e que o convenio será asinado proximamente, unha vez se atope solución ao que definiu como unha “cuestión administrativa”.

Neste senso, o reitor explicou que a institución académica “non pode comprometerse a uns prazos determinados sen un orzamento definido” e incidiu en que dado que “non se van a conseguir 25 millóns de euros de golpe”, será preciso actualizar o proxecto e acometelo de forma modular, en distintas fases. Estas, explicou, virán marcadas “polas necesidades máis urxentes” que se trasladen tanto desde a Facultade de Belas Artes como polos futuros grupos de investigación do Campus Crea.

Como recordou Mato, a Universidade de Vigo é unha institución saneada economicamente porque está a conseguir ingresos á marxe das administracións autonómica e central. “Competimos por eles e conseguímolos, e aquí faremos o mesmo”, afirmou o reitor, que avoga por buscar financiamento para o proxecto no plan europeo Horizonte 2020 e en concursos internacionais, aínda que tamén deixa claro que “haberá que facer esforzos, que virán acompasados con eses fondos finalistas”. De aí que non sexa posible un compromiso temporal, máis aló de comezar a traballar “naquelas infraestruturas específicas máis prioritarias”, unha vez a Universidade teña os terreos a súa disposición. Neste senso, Mato defendeu que “ladrillo é un instrumento e nunca un fin” e situou como prioritario dotar ao campus de novos “espazos funcionais”. De feito, o reitor augurou que “seguramente en breve poidamos ter unha primeira fase, que en función dos recursos será máis grande ou máis pequena”.

Laboratorios para Fisioterapia e Ciencias da Actividade Física e do Deporte

Esta xuntanza tamén permitiu avanzar cara un acordo co Concello para que unha parte da antiga residencia da ONCE poida ser destinada a laboratorios para investigadores, fundamentalmente do campo da Fisioterapia, pero tamén a Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Fernández Lores recoñeceu que se trata dun “tema bastante avanzado”, motivo polo que Mato agradeceu a dispoñibilidade da administración local para pór solución a un “problema urxente de falta de espazo”.

Por outra banda, o alcalde tamén recordou que a administración local asinará proximamente un convenio coa institución académica para contribuír con 30.000 euros ao labor que realizan os investigadores do Agrupamento Aeroespacial da Universidade. Así mesmo, Lores reiterou o seu compromiso de colaboración do proxecto Green Campus, que busca dotar a Pontevedra da bandeira verde que outorga a FEE (Foundation for Enivormental Education).