DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa constitución dunha comisión paritaria

Universidade e Concello traballarán no desenvolvemento de proxectos urbanísticos comúns

A nova Facultade de Belas Artes e un complexo de apartamentos para estudantes, prioridades da comisi

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
E.L. Castro DUVI 23/10/2009

O campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra formalizaron hoxe a constitución dunha comisión mixta para o desenvolvemento de proxectos urbanísticos comúns. A súa composición é paritaria no número de membros por ambas partes e contempla a posibilidade a acudir a asesorías externas cando sexa preciso. Deste xeito, intégrana, por parte da Universidade, Jesús Hernández, vicerreitor do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, directora da área de Planificación e Coordinación, Ángeles Hermida, vicexerente do campus, que exercerá de secretaria, e María José Fariña, arquitecta responsable da Unidade Técnica do campus. No tocante ao Concello, formarán parte deste novo foro Teresa Casal, tenente de alcalde e delegada de urbanismo, que actuará como presidenta, Margarita Castejón, concelleira de Benestar Social e Patrimonio, Xosé Manuel Tato, director xeral da área de Urbanismo, e Carlos Velasco, arquitecto municipal. En función da orde do día quedou fixada a organización dunha reunión estable da comisión cunha periodicidade mensual. Así mesmo, estableceuse como principal función da mesma a elevación das decisión e acordos adoptados aos órganos superiores, ben ao pleno municipal ben ao claustro universitario.
O vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, valorou moi positivamente a constitución desta comisión. “Era moi necesaria e servirá para estruturar e potenciar o campus dentro da cidade, en coordinación coas demais institucións”, precisou Hernández. Espera, ademais, que axude a axilizar tanto a toma de decisións coma as tramitacións necesarias para levar adiante os proxectos, alén da súa función de planificación.

Segue a tramitación do proxecto da Facultade de Belas Artes

Entrados en materia, ademais de trámites pendentes con respecto a algúns edificios do campus, como os precisos para a construción dunha gardería na Facultade de Ciencias da Educación solicitada pola vicerreitoría e que xa ten informes positivos, boa parte da reunión centrouse no proxecto do novo edificio da Facultade de Belas Artes previsto nos terreos de Tafisa. Segundo informou Teresa Casal "o Concello xa aprobou a proposta de modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Urbana para adaptar a parcela de 20.000 metros cadrados que se vai ceder á Universidade". Esta modificación, ten por obxecto acomodar os estándares urbanísticos do solar ás necesidades arquitectónicas e de espazos verdes do deseño do futuro edificio das artes. A tenente de alcalde destacou que a proposta municipal xa foi enviada a Costas, Adif, Medio Ambiente e Urbanismo. Pola súa parte, o vicerreitor manifestou o seu desexo de que todos os trámites saian adiante coa maior rapidez posible "para que a parcela poida ser cedida á Universidade con todas as condicións e protocolos previstos para comezar canto antes a execución da obra".

Complexo de apartamentos para estudantes

Jesús Hernández recibiu tamén moi favorablemente a comunicación da tenente de alcalde sobre a recente entrevista que mantivo co director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Antonio Boné, para propoñerlle un convenio de construción de vivendas de Promoción Pública tamén no ámbito de Tafisa e destinadas a pisos duns 45 metros cadrados en réxime de aluguer para menores de 35 anos. O IGVS, segundo Casal, está disposto a chegar a un acordo coa Universidade para que os apartamentos poidan ser ocupados, preferentemente, polo alumnado do campus. O vicerreitor amosou a súa disposición a traballar directamente co instituto de vivenda para levar adiante algo que sinalou como unha reivindicación propia desde o principio do seu mandato: “a construción de aloxamentos acordes coas necesidades dos estudantes universitarios, dos que xa hai algúns exemplos nos campus de Ourense e Vigo”.