DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cunha campaña que inclúe reparto de material e charlas de especialistas

Universidade e Concello únense para fomentar o ensino plurilingüe

Iván Area, Laura López Atrio e Iolanda Veloso asinaron o convenio de colaboración

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 26/06/2008
A piques de cumprirse un ano da entrada en vigor da nova normativa sobre a regulación do uso e a promoción da lingua galega no sistema educativo, o decreto 124/2007, a Universidade de Vigo e as concellerías de Educación e Normalización Lingüística do Concello de Vigo formalizaron, a través da sinatura dun convenio de colaboración, a posta en marcha dunha campaña informativa na que se explican polo miúdo as características desta normativa na procura dunha efectiva aplicación da norma.
Baixo o lema Europa é plurilingüe, quen sabe galego, sabe máis,“trátase de explicar as vantaxes de ensino plurilingüe e, en xeral, do decreto que regula o ensino primario e secundario”, sinalaba Iván Area, vicerreitor de Relacións Institucionais, que asinou o documento xunto coas concelleiras de Educación, Laura López Atrio, e de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso.
A iniciativa, que xa se puxo en marcha en concellos como Pontevedra e Ourense, pretende ser unha campaña de todos, a Universidade ponse a disposición dos concellos para que eles organicen as charlas que crean convenientes coas asociacións de pais, claustros escolares, grupos de profesores... e dende a institución académica comprométense a enviar os seus especialistas en sociolingüística e didáctica da lingua para explicar en que consiste a nova norma. “A Universidade ponse ao servizo da sociedade que é a que se debe. ”, explicou o responsable da Área de Normalización Lingüística da Universidade, Xosé Henrique Costas, no acto de presentación da campaña.

Unha campaña aberta a institucións e particulares

A idea é transmitir á cidadanía que o ensino plurilingüe ten efectos positivos sobre o desenvolvemento educativo do alumnado, xa que reforza a capacidade de simbolización e abstracción, polo que favorece a adquisición de contidos relacionados coas matemáticas, as artes plásticas e moitas outras disciplinas. De feito, os modelos que incorporan varios idiomas véñense aplicando en países como Finlandia, “onde está máis que comprobado o seu éxito”, comentou Costas.
Neste sentido, a concelleira de Educación, Iolanda Veloso, apuntou a importante vantaxe que supón para calquera persoa a posibilidade de recibir a educación en máis dunha lingua, “o máis normal é que nos países onde temos dúas linguas os rapaces estean capacitados para falar en calquera delas”, unha idea que tamén apoiou Laura López, quen salientou que “non se entende o rexeitamento a unha lingua que se ten de seu”.
Xunto ás universidades de Santiago e A Coruña, e o concello e a deputación coruñesas, os concellos de Ferrol, Nigrán, Moaña, Redondela, Oroso, Cercedo, Teo, Tomiño e Gondomar, xa expresaron a súa adhesión a esta campaña.
Para que tanto as institucións como os particulares coñezan o contido da campaña e poidan descargar o material elaborado para ela, creouse unha páxina web co enderezo:
http://webs.uvigo.es/plurilinguismo

O Decreto 124/2007

O texto normativo que é consecuencia directa do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado en 2004, por unanimidade dos partidos políticos con representación no Parlamento, está destinado a capacitar á sociedade galega futura na competencia e liberdade lingüística a través dun modelo de mantemento de linguas ou bilingüismo aditivo que sen prexudicar ao castelán, promove o bilingüismo entre o alumnado.
O Decreto 124/2007 reforza o programa de educación bilingüe que se ofrece en Galicia desde 1995, aínda que coa diferenza de que o actual programa marca nun mínimo do 50% as materias que deben ensinarse en galego, fronte ao 33% do programa anterior.
Deste xeito con modelo educativo que promove o Decreto garántese que o galego aumente o seu prestixio social, que recupere funcionalidade na familia, que a poboación poida elixir libremente a lingua de uso na comunicación dado que coñece e pode usar libremente as dúas.