DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo se puxo de manifesto no "I Foro de Educación contra a Violencia de Xénero"

A Universidade confirma o seu compromiso coa igualdade coa elaboración dun plan de seu

A fase de diagnose previa está a punto de concluír

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Camino Carballeira DUVI 20/10/2008

O labor de promoción da igualdade entre homes e mulleres no seo da Universidade comeza a dar os seus froitos e proba diso é o Plan de Igualdade da Universidade cuxa fase de diagnose está a punto de rematar. Este foi o anuncio da directora da Área de Igualdade, Ana Garriga, na inauguración do I Foro de Educación contra a Violencia de Xénero que a partir de hoxe e ata o día 24 terá lugar na Casa das Campás. O documento que segundo Garriga “é unha mostra do noso compromiso coa igualdade e afecta a toda a comunidade: PAS, PDI e estudantes”, pretende ser un primeiro achegamento á realidade da muller na Universidade, e ademais coñecer se existen situacións de discriminación, “pero tamén atendemos ao emprego da imaxe, os estereotipos, o uso da lingua, a paridade nos órganos de dirección ou a conciliación da vida laboral coa persoal”.
Xunto a Garriga, as profesoras Amada Traba e Luz Varela, con ampla experiencia na elaboración de plans de igualdade municipais como o de Vigo ou o de Redondela, dirixen a investigación. Traba sinala que o obxectivo é “saber onde están as mulleres e cal é a súa situación”. Os datos dos que tirar información son inxentes. Levan xa varios meses “analizando todo tipo de documentos da Universidade, realizando entrevistas individuais e traballando con grupos de discusión ademais de estudar toda a información estatística que se xenera na institución”, explica Amada Traba.
O camiño ata a elaboración e aprobación dun Plan de Igualdade é longo e desde a Área a Igualdade queren coidar cada paso. Por iso, no proceso de recollida de información que está a punto de concluír, as profesoras Traba e Varela xa realizaron un importante labor de toma de contacto con colectivos dos tres campus que adquire moita importancia na seguinte fase. Tal e como apunta Amada Traba “traballaremos coa xente, da que precisamos a súa implicación e participación, para completar o retrato da Universidade”. A través de comisións, definidas segundo os ámbitos, os membros da comunidade universitaria poderán sumar as súas aportacións ao plan.

Un achegamento á violencia de xénero desde diferentes perspectivas

Proba do compromiso da Universidade coa igualdade é o I Foro de Educación contra a Violencia de Xénero que botou a andar esta mañá na Casa das Campás. As xornadas, que se prolongarán ata este venres 24, pretenden ser “un foro de reflexión sen a prepotencia de crer que imos aportar solucións para este problema tan complexo”, segundo indicou a súa directora, a psicóloga Herminia Dios. O encontro, que a directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes, Ana Belén Ferández Souto, definiu como “o primeiro de moitos” é un achegamento ao tema desde diferentes perspectivas como o campo da educación, a comunicación e a publicidade ou a cobertura legal e de protección ás mulleres maltratadas.
A educación foi o primeiro ámbito desde o que se abordou o problema da violencia de xénero. O doutor Jorge Soto fixo un alegato contra o inmobilismo social e a favor do papel da escola como vía para mudar o patrón de desigualdade entre homes e mulleres que existe na sociedade. Soto defendeu a educación como o “proceso para facer cidadáns” e a única vía posible para “cambiar os valores que fomentan a violencia”. A análise dos aspectos educativos das leis que, tanto a nivel estatal como autonómico, atacan este problema, foi un dos temas centrais do seu relatorio. Soto sinalou os seus aspectos positivos, pero tamén as súas eivas, entre elas “a falta de concreción” ou o “incumprimento” de moitos dos seus puntos. “A escola ten que ir por diante da sociedade, é o sistema educativo o que debe marcar os pasos sociais a favor da non violencia”, indicou o profesor.
O catedrático de Pedagoxía da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Touriñán, puxo fin á primeira xornada do foro afondando nos valores e no interculturalismo para unha convivencia pacífica.