DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xunta inviste 450.000 euros na expedición que lidera o grupo Geoma

Universidade e Consellería de Economía e Industria formalizan o convenio que fai posible a Misión Galega do Gran Burato

Ambas partes traballarán xuntas na consecución de subvencións europeas para o Campus do Mar

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 27/09/2010
“Ansiosos” e “desexosos” de que os resultados da Misión Galega do Gran Burato sexan positivos. Así de optimistas se amosaron este mañá o reitor, Salustiano Mato, e o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, tras a formalización do convenio polo que o executivo galego se compromete ao financiamento íntegro dun proxecto que ten como principal obxectivo coñecer se nas costas galegas hai gas en condicións de ser utilizado industrialmente.

Na xuntanza, que contou tamén coa participación da vicerreitora de Investigación e dos investigadores responsables do proxecto, reitor e conselleiro concretaron tamén outras liñas de colaboración entre ambas institucións, o único camiño para facer “economía real e produtiva”, tal como subliñou o reitor, que puxo a disposición da consellería as capacidades da Universidade “para mellorar todo o posible o desenvolvemento da política de investigación e innovación e así darlle un empuxe ao noso tecido industrial e empresarial”.

Guerra: “un investimento que pode ser moi importante para Galicia”

A expedición do Gran Burato terá un custe total de 450.000 euros que correrán a cargo da Consellería de Economía e Industria, “150.000 destinaranse aos gastos da Universidade e 300.000 ao barco”, especificou o conselleiro, quen insistiu en que se trata dun “un investimento que pode ser moi importante para Galicia, aínda que evidentemente haxa riscos”, subliñou, ao tempo que lembrou que o gas é un elemento central da política enerxética da Xunta, como demostra a compra por parte do executivo galego dun importante bloque de accións en Reganosa.

A campaña partirá do porto de Vigo o vindeiro 16 de outubro a bordo do buque de investigación oceanográfico Sarmiento de Gamboa con arredor dunha vintena de investigadores a bordo. Liderados polos catedráticos da Universidade, Daniel Rey e Belén Rubio, terán quince días para examinar unha zona “cuxa estrutura xeolóxica denota a presenza de gas”, subliñou Federico Vilas, coordinador do grupo GEOMA, ao que pertencen Rey e Rubio, e que, nesta ocasión, dará o seu apoio aos investigadores desde terra.

Tanto Rey como Vilas subliñaron os resultados de prospeccións sísmicas anteriores que tamén revelan a existencia de certo contido de gas, “o que non sabemos é canto nin en que extensión”, explicou Vilas, en relación a que estes son precisamente os obxectivos da campaña. Na mesma liña ambos insistiron na necesidade de ser prudentes coas expectativas espertadas, “xa que aínda nos atopamos nunha fase moi preliminar do traballo”, insistiu Rey, ao tempo que lembrou que as prospeccións de hidrocarburos e, en concreto, nas condicións nas que estes poderían aparecer esixiría un esforzo de prospección e perforación moi diferente ao que se está a realizar na actualidade.

Fondos europeos para as infraestruturas do Campus do Mar

Máis alá da Misión do Gran Burato, o encontro entre Salustiano Mato e Javier Guerra serviu tamén para seguir estreitando os lazos de colaboración entre Universidade e Consellería noutras materias, especialmente, no Proxecto do Campus do Mar, “obxectivo tamén prioritario para a Xunta de Galicia”, subliñou Guerra. Neste aspecto, a consellería, principal responsable da xestión de fondos comunitarios para aspectos de I+D, xogará un papel determinante a hora de acadar os fondos europeos específicos que permitan a dotación das infraestruturas que precisa o Campus do Mar na ETEA. “A consellería pode incidir directamente para apoiar a nosa proposta”, subliñou Mato, ao tempo que adiantou que xa se están a realizar as memorias precisas neste sentido.

Colaboración nos sectores do automóbil, o naval e a pedra

Tras asinar no Libro de Honra da Universidade, no que lembrou os seus inicios como estudante no propio campus, o conselleiro de Economía e Industria ratificou que “a consellería quere achegarse á Universidade de Vigo” e apuntalou as verbas do reitor en relación á forte necesidade de colaboración en temas de investigación e transferencia. “As empresas deben innovar e internacionalizarse e para isto precisan un plus de calidade en todos os seus procesos, algo no que a Universidade pode ser de gran axuda”, insistiu, ao tempo que lembrou que “hai que tirar dos coñecementos para facer diñeiro e do diñeiro para acadar máis coñecementos”.

En canto aos principais eidos nos que se materializará esta colaboración salientaron a necesidade de definir unha serie de campos concretos, se ben destacaron o automóbil, o naval e a pedra como principais actividades nas que se establecerá a colaboración, dada a importancia destes sectores para Vigo e a súa comarca.

 

Información relacionada: Hai gas a 140 Km da costa galega?