DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade e a Consellería de Innovación e Industria subscribiron as condicións da contratación de investigadores do Plan IN.CI.TE

A convocatoria, na que toman parte todos os axentes do I+D+i, suporá un investimento total de 30 mil

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 14/11/2008

O reitor da Universidade, Alberto Gago, asinou esta mañá co conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco e co conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, en calidade de presidente do Instituto Galego de Calidade Alimentaria, un protocolo de colaboración que regulará a convocatoria do programa horizontal de recursos humanos do Plan Galego de I+D+i. Deste xeito, séntanse as bases e condicións para a posta en marcha de accións formativas de investigadores correspondentes á convocatoria de axudas do Plan IN.CI.TE., dentro do que se inclúen programas como o María Barbeito, o Ángeles Alvariño, o Isidro Parga Pondal, o Lucas Labrada e o Isabel Barreto.
Xunto con Gago, asinaron este marco de colaboración os reitores das Universidade de Santiago de Compostela e da Coruña, Senén Barro e José María Barja, de xeito que se regulen determinados aspectos da convocatoria correspondente ao ano 2008 que afectan á contratación de investigadores e tecnológos a través do Plan Galego de I+D+i, IN.CI.TE. 2006-2010.
A convocatoria de 2008 suporá un investimento total por parte de Innovación e Industria de máis de 30 millóns de euros para o período 2008-2011 e nela toman parte tamén o Centro Tecnolóxico da Automoción, da Asociación de Fabricantes de Conservas (ANFACO), da Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN) e as Fundacións para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Centro de Supercomputación de Galicia, de Medicina Xenómica e dos complexos hospitalarios de Santiago, Vigo e A Coruña.

O Plan Galego de I+D+i

O Plan Galego de I+D+i, IN.CI.TE. 2006-2010, xestionado pola Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación ten como obxectivo fomentar a realización a realización de teses de doutoramento, a especialización de doutores recentes mediante a súa integración en departamentos, centros e grupos de investigación, a realización de proxectos de investigación por parte de doutores cunha formación investigadora acreditada en organismos científicos estatais ou estranxeiros, a formación e especialización de tecnólogos e axentes de innovación e xestión de proxectos de I+D+i en organismos públicos e privados de investigación de Galicia e a incorporación de tecnólogos e axentes de innovación e xestión de proxectos de I+D+i nestes mesmos organismos.

O protocolo de colaboración

Coa sinatura deste protocolo de colaboración, trátase de regular os aspectos previos que permiten a posta en marcha das diversas accións de formación de investigadores correspondentes á convocatoria de axudas para o ano 2008, con vixencia ata 2011. Deste xeito, a Consellería recolle na convocatoria pública de axudas os requisitos que deberán cumprir os candidatos, as condicións de avaliación e selección dos mesmos e a dotación, número e duración dos contratos ofertados a través dos distintos programas, entre os que se atopan o Ángeles Alvariño, Isidro Parga Pondal, María Barbeito, Lucas Labrada e Isabel Barreto.
Pola súa banda, as universidades facilitarán á Consellería a relación de destinos que oferta para cada programa e levará a cabo a contratación dos candidatos seleccionados polo departamento autonómico en base aos criterios e baremos establecidos na orde de convocatoria das axudas do Programa de Recursos Humanos. Deste xeito, a Universidade integrará aos beneficiarios das axudas nos centros, departamentos, institutos e organismos nos que leven a cabo o seu labor. A Consellería asumirá as obrigas económicas derivadas da resolución da convocatoria de axudas e realizará os abonos pertinentes ás entidades de acordo coas condicións que se establecen na propia convocatoria.