DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O taekwondo terá este ano especial protagonismo

A Universidade consolida Nigrán como campus de verán

De xuño a setembro desenvolveranse un total de doce cursos na contorna do campus

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
D. Besadío DUVI 26/05/2010
Co firme propósito de achegarse, lonxe da disciplina das aulas, a temas de actualidade e de cultura xeral a Universidade consolida este curso o Concello de Nigrán como sede dos cursos de verán, “unha noticia excelente xa que se trata dunha contorna espléndida e moi acaída para este tipo de actividades”, confirmou a vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza, quen subliñou que, como ven sendo habitual, tamén haberá actividades no campus e noutros lugares, que inclúen dende a Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, ata o Carballiño ou Baiona.
No caso de Nigrán a oferta é especialmente atractiva xa que as actividades se levarán a cabo, grazas a un convenio coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no colexio público Huérfanos del Mar, un centro en réxime de internado, grazas ao que as persoas matriculadas nestes cursos terán dereito tamén a dúas noites de aloxamento gratis no propio colexio, “o que, engadido a calidade dos relatores, convérteos nunha proposta máis ca atractiva”, salientou Alfonso Caride, técnico de Actividades Culturais da vicerreitoría.
Sede xa dun curso o verán pasado sobre dereito urbanístico e medio ambiente, nesta ocasión a oferta duplícase e os interesados poderán elixir entre un curso sobre réxime xurídico e desenvolvemento económico dos municipios costeiros ou outro sobre a mediación como alternativa ao proceso penal de menores, a desenvolver ambos ao longo do mes de xullo.

O taekwondo como principal novidade

Dende xuño ata setembro desenvolveranse un total de doce cursos que conforman unha temática variada na que se conxugan obradoiros novos con outros que repiten debido a boa acollida da que gozan cada ano.
Entre as principais novidades deste verán está o taekwondo, aproveitando a celebración en Vigo do Campionato Mundial Universitario de Taekwondo e do Forum FISU. “É unha actividade que conta co respaldo do Consello Superior de Deportes e da Federación Galega de Taekwondo e na que se tratarán de achegar as últimas innovacións nesta disciplina”, subliñou a vicerreitora, que lembrou que “o taekwondo na Universidade está moi ben, non hai que esquecer que acabamos de conseguir oito medallas no Campionato de España Universitario”.
Xunto ao taekwondo, a oferta tamén se renova cunha proposta que, da man da Facultade de Filoloxía e Tradución e a ESE de Informática, proporá adquirir coñecementos sobre a linguaxe informática en galego.

Oferta variada e aberta a toda a sociedade

A oferta, á que pode acollerse tanto a comunidade universitaria como a sociedade en xeral, inclúe temáticas tan variadas coma un curso en Toralla sobre xestión de explotacións acuícolas, outro sobre sistemas de información xeográfica con software libre ou un sobre retos e perspectivas dun mundo desigual.
O termalismo é un dos clásico desta oferta e un ano máis repite un obradoiro sobre os centros termais en Galicia que se desenvolverá nos centros termais do Carballiño, A Toxa, Baiona e Lobios. Tamén se consolida o ámbito sanitario con varios cursos que se desenvolverán no Hospital do Meixoeiro e outro sobre xestión de residuos sólidos urbanos.
A matrícula para calquera dos cursos xa está aberta e os prezos oscilan entre os 40€ e os 120€, dependendo da duración e do lugar de celebración do mesmo, habendo descontos estipulados para os bolseiros da Universidade de Vigo do 50% e os membros da comunidade universitaria en xeral do 25%.
A información de cada un dos cursos e da matrícula pódese consultar na web da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes.