DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na NAFSA 2012, Annual Conference and Expo, unha feira na que se dan cita 1000 institucións de todo o

A Universidade consolida o seu potencial internacional

Asinou acordos con varias universidades e institucións de Malaisia, Puerto Rico, India ou Corea

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 04/06/2012

En tempos de crise, a Universidade de Vigo segue a incrementar a súa actividade exportadora e a consolidar o seu potencial internacional. Xunto coas outras dúas universidades galegas, a institución viguesa participou na NAFSA 2012, Annual Conference and Expo, unha feira na que se deron cita en Houston, Texas, preto de 1000 universidades de todo mundo. Trátase do evento “máis importante a nivel mundial no eido da internacionalización educativa”, como explica o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que foi o encargado de pechar varios acordos de colaboración e mobilidade con centros de Malaisia, Puerto Rico, India ou Corea. En total, participaron nesta cita arredor de 8000 profesionais do eido da educación superior, principalmente altos directivos responsables da internacionalizacióndas universidades.

Segundo explica o responsable da proxección internacional da Universidade, “o noso obxectivo neste evento era incrementar a presenza dos mellores estudantes estranxeiros nos nosos campus, ao tempo que ampliamos a nosa oferta de destinos internacionais para que os nosos estudantes poidan facer parte dos seus estudos nas mellores universidades dos cinco continentes”.

Ao longo dos seis días que dura a NAFSA 2012, do 27 de maio ao 1 de xuño, a delegación viguesa tratou de pór en valor os aspectos con máis impacto internacional da institución, “como o Campus do Mar, a rexión transfronteiriza Galicia- norte de Portugal, a oferta do Centro de Linguas e o prestixio das titulacións impartidas nos tres campus”, apunta Fernández Iglesias.

Este esforzo visibilizador cristalizou en acordos con universidades de Reino Unido e Estados Unidos, “que beneficiará principalmente aos estudantes do grao de Linguas Estranxeiras e de Tradución e Interpretación, así como do eido económico e empresarial, e tamén ao Campus do Mar”. Por outra banda, asinouse tamén o primeiro convenio marco de colaboración cunha universidade malaia, a Universiti Putra Malaysia, e pechouse un acordo para participar conxuntamente na convocatoria europea de asociacións de coñecemento entre universidades e empresas no eido da loxística. Asemade, fóronse concretando tamén acordos con universidades de Puerto Rico, Corea, Singapur e India, fundamentalmente no eido da enxeñaría, a economía, a empresa e as ciencias mariñas.

Acordos para o Centro de Linguas

Xunto co vicerreitor de Relacións Internacionais, desprazouse a Texas a directora do Centro de Linguas da Universidade, Dolores González, xa que este servizo é un dos que conta con máis proxección internacional. Entre os resultados positivos obtidos na feira, destacan os acordos concretos para incrementar a capacidade formativa do Centro de Linguas con institucións de referencia como o British Council (responsable do exame IELTS), a empresa Educational Testing Services (responsable do exame de inglés TOEFL, esixido pola meirande parte das universidades anglófonas para acceder ás súas aulas) ou a Universidade de Cambridge.

A actividade das universidades galegas desenvolveuse, como explica o vicerreitor, “co resto das universidades do estado español no stand paraugas Study in Spain promovido e financiado pola fundación Universidad.es e o Instituto de Comercio Exterior (ICEX)”.